As Neves impulsará proxectos en África e América Latina

Da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

As Neves | A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade reuniuse esta mañá nas Neves para concretar as accións a impulsar no último trimestre do ano, tanto nos concellos galegos que fan parte desta rede como nos municipios do Sur Global cos que colabora. O alcalde e secretario da entidade, José Manuel Alfonso, recibiu ao presidente e alcalde de Nigrán, Juan González, e ao vicepresidente do Fondo Galgo e edil de Cartelle, Daniel Fernández, mentres que a concelleira de Oleiros e vogal Marga Figueroa participou online.

O encontro contou asemade coa intervención virtual desde Guinea-Bissau de Alfonso Aleluia, representante da Rexión de Cacheu, quen presentou o proxecto de educación alí realizado cunha achega adicional do Concello de Nigrán. Durante a xuntanza deuse conta ademais da boa marcha dos cinco proxectos financiados a ONGD galegas no Salvador, Guatemala, Cuba e Mozambique.  Neste último país, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade tamén traballa de xeito directo coa Fundaçao Encontro a prol dos dereitos da infancia e coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos para erguer vivendas resilientes aos desastres climáticos. Ao tempo, apóiase ao municipio caboverdiano de São Miguel para promover a agricultura e a gandería sostible.

São Miguel será ademais o destino dos próximos participantes no programa Especialistas en Cooperar, un enxeñeiro agrícola do Concello de Ourense, que colaborará no citado proxecto, e unha técnica de Turismo do Concello de Miño, que asesorará nesta área. Un bombeiro de Santiago de Compostela estivo xa intercambiando experiencias en Mozambique. Este ano cúmprense ademais vinte anos das primeiras asistencias técnicas prestadas por persoal municipal sobre o terreo, polo que tamén se está a preparar unha exposición conmemorativa.

En canto ás actividades de educación para a cidadanía global a desenvolver nos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, alén das exposicións, cinefórums e espectáculos teatrais que xa se están a programar, está previsto organizar un ciclo de charlas cunha convidada da cidade de Santiago de Cuba, para dar a coñecer a difícil situación que atravesa o pobo cubano e combater a desinformación ao respecto. Ao mesmo tempo, o 10 de novembro organizarase na Coruña unha formación sobre irmandamentos e axuda humanitaria desde os concellos, para que poidan sacarlle todo o partido a estas fórmulas.

As e os representantes políticos municipais serán tamén os destinatarios da iniciativa ‘Territorios que transforman’, unha das múltiples accións coorganizadas canda a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad encamiñadas a impulsar a solidariedade internacional desde o local. A maiores, estanse a dar pasos para a conformación dunha rede de alcaldesas e concelleiras galegas, seguindo a estela das xa creadas en Mozambique e Cabo Verde.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.