As Neves acolle o I Encontro de “Artes no Territorio”

Este 29 de outubro para potenciar o desenvolvemento turístico a través da cultura

As Neves | O próximo sábado 29 de outubro, As Neves será o escenario do ‘1º Encontro de Artes no Territorio’, un evento que quere servir de base para pensar novas fórmulas que axuden a potenciar a economía e o desenvolvemento turístico dende as artes e a cultura.

Este encontro pretende alicerzarse no apoio da veciñanza e na experiencia das entidades locais, traballando co coñecemento, indagando na identidade cultural que habita o territorio de Galicia, en xeral e, particularmente no do Condado-Paradanta e nas Neves.

A paisaxe, abranguendo tanto a natural como a construída; o turismo, centrado nos xeitos de comunicación, dende a música a gastronomía, da enografía á arquitectura ou da enoloxía ao lecer e, por último, desvelar como a cultura pode potenciar a actividade económica.

Obxectivo
A finalidade última é que a integración das artes e a artesanía local, a fotografía e o cinema, as acción escénicas e performativas ou as intervencións artísticas, procesuais ou específicas para un espazo, convertan o Encontro de Artes das Neves nun proxecto colectivo.

Co comisariado da Cooperativa Performa (David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo) este proxecto quere servir para significar o Condado como un espazo aberto á creación de vangarda, respectuoso coas tradicións e promovendo o patrimonio cultural e natural.

Programa
A actividade comezará ás 11:00 h. na Casa da Xuventude, cun ‘Taller de deseño estratéxico’ no que participarán os membros do Grupo de Desenrolo Rural (GDR) Condado-Paradanta, entidades locais e representantes das vilas irmáns portuguesas de Melgaço e Monção.

Ás 17:30 horas será o tempo da actuación de Macarena Montesinos e a Banda Municipal de Rubiós, na Praza Maior, presentando o seu ‘Concerto Monocromo’. A entrada é libre.

A Compañía Chévere presentará ás 18:30h. a súa obra ‘As fillas bravas de Momán’, no Auditorio Municipal, con entrada é de balde ata completar aforo.

Outros artigos