As memorias do Doutor García Sabell.

O acervo antropolóxico atesourado nas casas familiares para facer fronte as indisposicións da saúde era unha fonte inesgotables de saberes que me engaiolaban. Acudíase poucas veces ao médico. A variedade de produtos farmacéuticos que hoxe teñen as boticas, daquela eran mínimos.

Cando a presenza do médico era imprescindible o recurso da palabra era terapia de sanación. Álvaro Cunqueiro escribíu fermosos relatos onde os curandeiros botaban man deste recurso. O doutor García Sabell fala do uso deste recursos no prólogo que lle escribíu a don Álvaro para unha das súas obras literarias máis representativa que xa abordara en 1963 no seu libro “Ensaios” co título de “Análise existencial do home galego enfermo” cuxa lectura a min aínda hoxe proporcioname claves para entender as relacións patolóxicas coa nosa peculiar idiosincrasia.

Sobre esta particular visión médica das doenzas escribíu tamén varios ensaios un condiscípulo e amigo seu, Juan Rof Carballo. “Mito e realidade da Terra Nai”, foi o primeiro ensaio científico publicado en lingua galega en 1957. Aos doutores Rof Carballo e García-Sabell, segundo o decimonónico criterio establecido pola Real Academia Galega nunca lles dedicarán un Día das Letras Galegas. Entender por letras galegas unicamente a literatura e a poesía, excluindo outros xéneros como os ensaios e estudos científico nos tempos que corren é un anacronismo.

Vén a conto este necesario preámbulo para comentar unha obra de recente publicación da que son autores Siro López Lorenzo e Teresa García-Sabell Tormo, “Domingo García-Sabell.A voz e a palabra”.Un libro que se encadra no xénero memorialista do que tanto se pode aprender; alomenos eu. Na miña biblioteca teño moreas de publicacións autobiografícas que me teñen axudado a entender as actuacións de moitas persoas no contexto histórico que lles tocou vivir.

“Domingo García-Sabell, home de ciencia e doutros moito saberes humanísticos, é un referente da chamada Escola Médica Compostelana”

Domingo García-Sabell, home de ciencia e doutros moito saberes humanísticos, é un referente da chamada Escola Médica Compostelana, a “Fonte Limpa”, da que foi senlleiro representante desde que Varela de Montes a creou. O profesor Ricardo Gurriarán ten estudada esta escola científica e a súa contorna na súa tese de doutoramento “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), de obrigada lectura.

García-Sabell sempre aspirou a exercer o maxisterio na docencia médica. O seu mestre Gregorio Marañón influíu decisivamente na súa vocación. Mais o compromiso político coas causas da democracia enfrontárono ao franquismo. Foi así como veu frustrada a súa aspiración a impartir docencia nas aulas da facultade de medicina. Atopou acubillo na súa clínica particular e logo na “Rosaleda” onde coincidíu con compañeiros que partillaban afinidades ideolóxicas.

As súas memorias escritas por Teresa García-Sabel e Siro López a partir de libretas nas que ía escribindo reflexións que non podían ser publicadas no período da ditadura, permítelles a algúns -non é o meu caso – coñecer aspectos biográficos inimaxinables. Tales como a súa colaboración co Partido Comunista e participación na Operación Termópilas para executar a Franco. Conta nestas memorias que chegou a pedirlle a un garda civil paciente seu unha pistola, coa intención de entregarlla e un membro do comando da devandita “Operación Termópilas” que el acubillaba. Malia os seus posicionamentos políticos distintos dos meus; sen embargo, sempre admirei o seu antifranquismo militante e a súa exquisita formación científica. Recomendo a lectura destas memorias porque sitúan ao personaxe no lugar do que é merecente na historia de Galicia.

A súa participación activa e comprometida na loita antifranquista por medio das armas foi consecuencia dunha fonda reflexión : “Eu chegara a unha conclusión de que se non era pola violencia non acabariamos nunca con Franco.Había que actuar”. Eu tampouco nunca contei, e fágoo aquí e agora porque o relato de García-Sabell serve de pretexto, que eu fun o conseguidor das únicas armas que tivo o grupo organizado dentro da UPG, negociándoas con Carlos “Duarte” Gentil-Homem, militante da organización LUAR (Liga Unida de Açao Revolucionaria) e Eduardo de Sousa Calvet de Magalhaes, cualificado dirixente do Partido Comunista Portugués que tiña un destacamento armado denominado ARA (Açao Revolucionaria Armada).

Como axuizaría hoxe García-Sabell a quen me acusou covardemente a través da revista Grial hai un par de anos de poñer en perigo a Fundación Penzol por realizar reunións clandestinas nas súas instalacións na década dos sesenta?. Seguramente que deostaría calificándoo de fundamentalista relixioso. Aquel indivíduo manguelo, que nunca conspirou contra a ditadura franquista, atribuíulle un esaxerado poder taumatúrxico á Biblia traducida ao galego para mellor salvagarda da nosa identidade nacional. Vaiche boa!. Investironse grandes cantidades de diñeiro para unha finalidade fatua.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.