As estradas de Cerdedo-Cotobade e O Rosal contarán con fondos europeos

Outorgados á Deputación de Pontevedra por 1,2 millóns de euros

Pontevedra | O Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) vén de confirmar a concesión de dúas novas axudas europeas por un total de 1.235.782 para dúas obras en estradas provincias a través do programa DUS5000.

En concreto, segundo informou a presidenta, Carmela Silva, estas dúas achegas financiarán a actuación na EP-0405 A Xesteira-Almofrei, en Cerdedo Cotobade, e no segundo tramo da EP-3303 Tabagón-Goián, no Rosal, unha axuda europea que se suma á xa recibida para as actuacións no primeiro tramo desta estrada.

“Son recursos que permiten que non só a Deputación, senón tamén os concellos, poidan aforrar recursos propios e os teñan dispoñibles para outras actuación”, explicou Carmela Silva. Desta maneira, no caso de Cerdedo-Cotobade, as obras teñen un orzamento total de 824.759 euros, do que Europa financia 693.875.

Grazas a iso, a Deputación pasa de ter que pagar 577.331 euros a 91.619 euros, co que aforra preto de 500.000 euros. Na mesma liña, o concello aforrará máis de 200.000 euros ao ter que aportar agora 39.265 euros no lugar dos 247.427 euros do principio. No caso da estrada do Rosal, que recibe 541.907 euros do programa DUS5000 dos 739.872 euros que ten de orzamento, a Deputación aforra preto de 350.000 euros, pois ten que aportar 158.372 no lugar dos 591.810 euros do principio. Isto tamén supón que o concello ten que aportar 39.593 euros en vez de 147.952 euros, aforrando desta maneira máis de 100.000 euros.

Os proxectos de mobilidade sostible e segura en Cerdedo – Cotobade e O Rosal
No caso da EP-0405 A Xesteira – Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, nun tramo de 880 metros vaise executar unha nova senda peonil na marxe esquerda, limitando a velocidade aos 30 km/h e incorporando redutores de velocidade. Tamén executarase unha zona de convivencia con prioridade peonil con límite de 20 km/h. Ademais, dende a conexión coa estrada autonómica PO-233 mellorarase o trazado da estrada: repavimentación cunha nova capa de rodaxe e novos paquetes de firme, mellora da drenaxe e canalización para soterrar a rede de alumeado.

Pola súa parte, nas obras da EP-3303 Tabagón-Goián, no Rosal, actúase nun tramo de 1,8 quilómetros (xa se realizaron actuacións nun primeiro tramo de 1,7 quilómetros). En concreto, na zona da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras haberá unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil, mentres que no resto do ámbito de actuación deseñarase unha senda peonil na marxe dereita da estrada de ancho mínimo de 2,5m. Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia, e instalaranse redutores de velocidade e pasos sobreelevados ademais da rede soterrada de recollida de pluviais e alumeado.