As Convergências Portugal-Galiza recalarán en Ponteareas o 7 e 8 de maio

Para celebrar o vínculo cultural e lingüístico

Ponteareas | Comezou a VII edición das Convergências Portugal-Galiza, unha iniciativa que naceu para homenaxear as figuras de Rosalía de Castro -polo seu nacemento- e do Zeca Afonso -pola súa morte- a través de diferentes propostas culturais que celebren tamén o vínculo cultural e lingüístico dos dous países. Habitualmente, víñase realizando no mes de febreiro ao cadraren coas efemérides mais, nesta edición, tiveron que ser adiadas pola situación sanitaria.

Ponteareas, que se integrou no Eixo Atlántico no presente ano, xa levaba uns anos organizando unha semana de Ponte a Portu-Gal con propostas culturais que vinculaban os dous lugares e, a partir do ano 2020, xa se converteu no único Concello galego que forma parte da dita iniciativa. Así, a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba Bouza, asistiron ao acto inaugural das Convergências deste ano que celebrou, ao mesmo tempo, a declaración da cidade bracarense como Capital da Cultura do Eixo Atlântico 2021. O acto contou coa actuación musical dos grupos locais Canto D’Aqui e os Bomboémia, así como do galego Óscar Ibáñez & Tribo.

A iniciativa conta con artistas como Uxía Senlle, Cristina Branco, Quico Cadaval, Manuel Freire, Francisco Fanhais e grupos como o Canto D’Aqui ou o Grupo Folclórico da Universidade do Minho, a compañía de teatro Furabolos así como tamén coa participación do profesor e doutor Carlos Pazos.

“A iniciativa conta con artistas como Uxía Senlle, Cristina Branco, Quico Cadaval, Manuel Freire, Francisco Fanhais e grupos como o Canto D’Aqui ou o Grupo Folclórico da Universidade do Minho, a compañía de teatro Furabolos así como tamén coa participación do profesor e doutor Carlos Pazos”

En Ponteareas, as Convergências recalarán dous días, o 7 e 8 de maio. No venres 7, o profesor e doutor da Universidade do Minho presentará, ás 19 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, o libro Alfredo Guisado. A xente d’Aldea e outros textos das orixes, un volume que publica o Concello de Ponteareas para conmemorar o centenario da súa publicación e do que o propio filólogo é editor. A seguir, ás 20 horas, o actor e director ribeirán Quico Cadaval executará o seu espectáculo Para ouvir estórias “fantasmas familiares” no mesmo espazo. E, no sabado 8 ás 20 horas e na mesma sala, o espectáculo musical chegará da man do grupo Canto D’Aqui e do Grupo Folclórico da Universidade do Minho “Canções de abril e polifonias tradicionais do Minho”.

“É un privilexio e é importantísimo que Ponteareas sexa o único Concello galego que forma parte das Convergências, porque iso significa que é pioneiro en detectar a necesidade de diálogos culturais cun país co que compartimos a nosa propia cultura e a nosa propia lingua e co que gardamos, historicamente, un forte vínculo; foron moitas e moitos ponteareáns que emigraron para diferentes lugares de Portugal (a propia familia Guisado é un exemplo entre moitos), especialmente para a capital, Lisboa, e son moitas as persoas que tamén emigraron para aquí dende o país veciño” destaca Fernando Groba.

“Temos parroquias, como poden ser Pías, Padróns ou Guillade, onde existe, hogano, un número considerábel de persoas relacionadas, dun ou doutro xeito, con Portugal e é moi necesario crearmos formas de conexión e diálogo cunha comunidade que non deixa de ser tamén a nosa”, indicou Groba.