As CMVMC de Ponteareas e Arcos lamentan que Medio Rural falte á verdade respecto ao incendio de Bugarín

Os comuneiros reafírmanse en que na fronte da Picaraña houbo 4 camións unicamente con condutor e sen bombeiros forestais durante varias horas e que o lume foi freado polo voluntariado

Ponteareas | Segundo os comuneiros, a Xunta manipula a información cando rebate as acusacións e fai unha relación de medios despregados no lume. “Claro que houbo medios no incendio, pero actuando noutros puntos do mesmo. Sen embargo a fronte do lume que avanzaba cara a Picaraña quedou por completo desatendida. Durante varias horas houbo 4 camións motobombas na pista forestal unicamente con condutor e sen bombeiros forestais para manexar as mangueiras e a fronte avanzaba sen que ninguén a atendese. Hai medio cento de veciños voluntarios con nome e apelidos que foron testemuñas, ademais de numerosos videos e fotografías que o atestiguan, onde se pode observar ducias de voluntarios apagando o lume, algo que as brigadas da Xunta non permitirían se estiveran alí”.

As Comunidades de Montes de Ponteareas e Arcos acusaron a Medio Rural de faltar á verdade respecto ao acontecido no incendio de Bugarín o pasado día 10.

Para os comuneiros resulta “inadmisíbel e unha falta de respecto que a Xunta nos acuse de mentir, para ocultar o acontecido. En lugar de averiguar que pasou e tomar nota dos erros para evitalos no futuro, a Xunta prefire defenderse atacando aos que cooperamos na extinción do lume ante a falta de medios nesa fronte”.

As comunidades sinalan que “na fronte que avanzaba cara A Picaraña durante varias horas unicamente estiveron facendo labores de extinción os voluntarios, non había nin un só bombeiro e cando chegaron eran tan poucos que tivemos nós que axudar a transportar as mangueiras polo medio do monte”. Os comuneiros lamentan a “burda manipulación” que fai a Xunta citando os medios despregados noutras zonas pero obviando a falta de atención da fronte da Picaraña.

As comunidades pedirán unha reunión cos responsabeis do distrito ao considerar “moi grave que Medio Rural reaccione con mentiras contra as comunidades que nos encargamos de vixilar o monte da Picaraña durante todo o verán e de axudar na extinción de lumes coma o do día 10”.