
Pontevedra | Oito administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sensibilizarán sobre a causa saharauí a través dos faladoiros ‘Arredor do té’, que se desenvolverán entre o 15 e o 20 de xuño, Día Mundial das Persoas Refuxiadas. A Deputación de Pontevedra -na súa sede de Vigo- e mais os concellos de Lugo, Muros, Corcubión, Pontedeume, Mugardos, Burela e Santiago de Compostela acollerán as charlas, impartidas por activistas saharauís, cando vén de celebrarse ademais o 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
No deserto do Sáhara, o té é un ritual. Segundo a tradición, hai que tomar tres vasos consecutivos: o primeiro é amargo como a vida, o segundo doce como o amor e o terceiro suave como a morte. Ofrecer esta bebida é un xesto de xenerosidade e aceptalo é un sinal de cortesía. A persoa que ten a honra de preparar o té adoita ser boa conversadora e, neste caso, achegará un testemuño directo sobre a situación do pobo saharauí e as difíciles condicións de vida nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria).
Combater a desinformación, visibilizar a historia do Sáhara Occidental como provincia española e denunciar a ocupación marroquí e mais as violacións de dereitos humanos son algúns dos obxectivos desta actividade, organizada en colaboración coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps). Ao mesmo tempo, búscase dar a coñecer o papel das mulleres na resistencia e poñer en valor a interculturalidade, así como divulgar os programas de apoio existentes.
Con anterioridade, o Fondo Galego xa emitira unha declaración institucional fronte a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma de Marrocos, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí. A día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos, onde a asociación municipalista veu desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria mentres reclama á comunidade internacional unha solución xusta e duradeira para o conflito.
Día das Persoas Refuxiadas
Nacións Unidas conmemora o vindeiro 20 de xuño o Día Mundial das Persoas Refuxiadas baixo o lema ‘Ata que todo o mundo estea a salvo’, en referencia ao compromiso da comunidade internacional para que as persoas que se ven obrigadas a fuxir poidan vivir con seguridade e dignidade. Na actualidade, máis de 117 millóns de persoas se atopan desprazadas pola forza en todo o mundo por causa da guerra, a persecución ou a violación dos seus dereitos, e o 70% son acollidas en países de renda media ou baixa.
Axenda
15/06 Deputación de Pontevedra 19:00h Sede de Vigo
16/06 Concello de Lugo 17:00h Centro de Convivencia de Fingoi
17/06 Concello de Muros 17:30h Centro Social de Surribos
17/06 Concello de Corcubión 20:00h Capela do Pilar
18/06 Concello de Pontedeume 19:00h Casa da Cultura
19/06 Concello de Mugardos 11:35h IES
19/06 Concello de Burela 19:00h Casa da Xuventude
20/06 Concello de Santiago de Compostela 11:30h Casa das Máquinas




