Arbo avanza na conexión do seu núcleo urbano

O Concello recibiu máis de 550.000€ para a apertura dun novo viario cara a PO-400

Arbo | O Concello de Arbo segue a dar pasos firmes na modernización e vertebración do seu núcleo urbano. O Goberno local confirmou a recepción dunha achega económica destinada á execución da obra de ampliación e apertura do novo vial que conectará a rúa Miguel Dávila coa estrada autonómica PO-400 (no punto quilométrico 18+430).

O proxecto, que conta cun orzamento total de execución de 551.920,07 € (IVE incluído), dotará á zona de todos os servizos públicos necesarios, incluíndo o pavimentado e o alumbrado público, consolidando este espazo como un nodo estratéxico de servizos dentro do solo urbano de Arbo.

A nova infraestrutura non só mellorará o tráfico rodado, senón que busca potenciar unha urbanización inclusiva e sostible. A súa ubicación é clave, xa que se sitúa nunha contorna que concentra as principais dotacións públicas do municipio, ademais de diversos establecementos comerciais e hostaleiros.

O rexedor de Arbo, Horacio Gil, amosou a súa satisfacción polo impulso definitivo a esta obra: “Esta non é só unha obra de asfalto e servizos; é unha aposta decidida polo futuro de Arbo. Coa apertura deste vial, estamos a crear as condicións necesarias para que o noso núcleo urbano medre de xeito ordenado, facilitando que novas familias se asenten en Arbo ao ofrecerlles parcelas dotadas de todas as infraestruturas modernas.”

O proxecto alíñase coas Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, buscando un modelo de “distribución de centralidades”. Ao concentrar no núcleo principal as dotacións administrativas, docentes, sanitarias e culturais, o Concello de Arbo optimiza a rentabilidade social dos recursos e garante unha mobilidade máis sostible, reducindo distancias e facilitando o uso do transporte público.

“O noso obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Mellorar a accesibilidade aos servizos básicos —como o colexio ou o centro de saúde— é a mellor ferramenta que temos para loitar contra o despoboamento no ámbito rural e fomentar a igualdade de oportunidades”, subliñou o alcalde.

Con esta actuación, o Concello reforza a competitividade do territorio e a cohesión social, transformando o casco urbano nun espazo máis integrador, eficiente e preparado para atender as necesidades presentes e futuras da comunidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.