Aprobado en pleno municipal o novo Centro de Saúde en Ponteareas

Convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a cesión dos terreos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de aprobar o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, para a cesión dos terreos e a execución das obras de construción do novo Centro de Saúde na localidade. Trátase dun proxecto diferencial e prioritario que dotará á vila dunha infraestrutura clave para ampliar e mellorar a atención asistencial aos veciños e veciñas.

Co obxectivo de axilizar ao máximo o proxecto, o Concello de Ponteareas realizará os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para posibilitar a cesión patrimonial ao Servizo Galego de Saúde de dúas parcelas no Polígono 51 na parroquia de Arcos, onde se asentará o novo centro de referencia en materia sanitaria.

O concello asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela das infraestruturas precisas, como os accesos rodados e peonís, o abastecemento de auga, o saneamento, a subministración eléctrica, o alumeado, a telefonía, o aparcadoiro, etc. Así mesmo, o mantemento futuro da parcela tamén será por conta do concello.

Este proxecto foi un dos grandes compromisos adquiridos coa cidadanía de Ponteareas e, despois da súa aprobación en pleno, comeza unha nova etapa na vila, na que a defensa dos servizos e a atención da Sanidade Pública contará cunha nova infraestrutura de referencia para a totalidade dos veciños e veciñas. A oposición votou en contra.

O BNG oponse a esta localización
O Pleno de decembro en Ponteareas aprobou, cos únicos votos a favor do goberno, o convenio coa Xunta para a construción do novo centro de saúde, que incluía un cambio na localización dos terreos previstos.

O BNG amosouse crítico coa nova situación proposta polo tripartito. A través do seu portavoz municipal, Miguel Bouzó, o Bloque sinalou que “tiñamos unha parcela idónea e ben comunicada para o futuro centro de saúde na estrada N-120, que era gratuíta grazas á aprobación do Plan urbanístico. Pero o PP, co apoio dos independentes, decidiu gastar diñeiro e mercar uns terreos, cambiando a localización para situar o novo centro de saúde entre unha clínica privada o cemiterio municipal”.

O BNG incidiu en que “non se trata dunha clínica privada calquera. Trátase dun espazo con vínculos familiares coa concelleira do PP Raquel Plana. O Partido Popular pon un trato de favor por diante das análises realizadas polo propio equipo técnico da Xunta, que valorou no seu momento como idónea a parcela da N-120”. Ademais, denuncian o “escurantismo” e a “falta de información e diálogo” por parte do tripartito de Castro, que ante unha decisión transcendental para o futuro de Ponteareas, “actúa ás présas ás caladas coa corporación porque só lle importan as fotos e os titulares”.

“O seu obxectivo é despregar unha gran cortina de fume que tape o desastre da sanidade pública provocado polo goberno do PP na Xunta. O problema non é de espazo, o problema é que a Xunta ten sen médicas e médicos o centro de saúde para atender a poboación de Ponteareas”, insistiu o BNG.

Por outra banda, o Bloque reaccionou ao último anuncio do goberno de Nava Castro sobre emerxencia social. O BNG denuncia as “mentiras disparatadas coas que o PP pretende facer un lavado de cara despois de recortar nos Orzamentos para 2024 a partida destinada a axudas de emerxencia social”.

“Manipulan a información anunciando agora un suposto aumento inmediato do 10% nas axudas que é rotundamente falso. En realidade o que fan é aplicar o aumento dun 10% no límite do baremo económico establecido para que as persoas poidan percibir as axudas, tal como contempla a ordenanza, pero o importe destinado ás axudas non aumenta nin un céntimo”, denuncia o BNG.

A formación nacionalista lamenta que o goberno de Nava Castro xogue a facer propaganda cun asunto tan sensible como a emerxencia social, “anunciando como unha medida estrela unha opción que aparece recollida na propia ordenanza reguladora dende o ano 2017”.

Nese sentido, instan ao tripartito a “tomar en serio a política municipal e non continuar converténdoa nun bochornoso espectáculo de mentira e manipulación que denigra a imaxe da política e da institución municipal”.