AporM rexeita a intención do goberno de Mondariz de “ir á guerra” polo problema da depuradora

Aposta por unha solución que implique aos dous concellos, á Xunta e á Confederación Hidrográfica
Xosé Carlos Montes Bugarín, voceiro de Alternativa por Mondariz

Mondariz | “Contra Mondariz Balneario a única solución é ir á guerra”, con estas palabras, pronunciadas no último pleno ordinario polo concelleiro de obras Poldo Tato (BNG), sintetizaba a única opción que baralla o goberno local de Mondariz (BNG e PSOE) para solucionar o problema da utilización da depuradora situada en Mondariz Balneario que a Xunta de Galicia construíu en 2005 para tratar as augas sucias de 6.000 persoas (a vila balnearia ten 637 habitantes, segundo o IGE). A administración galega investiu daquela case un millón de euros na construción deste equipamento do que se beneficiarían ambos os dous concellos.

“No ano 2015 o goberno de AporM tramitou as autorizacións necesarias para conectar o colector da rede de saneamento de Mondariz, que xa estaba en construción, á depuradora de Mondariz Balneario”

No ano 2015 o goberno de Alternativa por Mondariz (AporM) tramitou as autorizacións necesarias para conectar o colector da rede de saneamento de Mondariz, que xa estaba en construción, á depuradora de Mondariz Balneario, pero a Confederación Hidrográfica desautorizou a conexión da rede mondarizá á estación de augas residuais argumentando que esta xa superaba o efluente autorizado, polo que non tiña sentido sumar un novo colector.

Montes Bugarín sinala que “o alcalde de Mondariz Balneario ten que entender tamén que si Mondariz non depura adecuadamente as súas augas sucias, Mondariz Balneario é un dos principais prexudicados, xa que as persoas que se bañan no Tea neste último concello sofren as consecuencias”.

A solución? Diálogo con todos
Polo tanto: “solución supramunicipal, dialogada coa construción dunha rede separativa de pluviais e fecais por parte da Xunta de Galicia, esas son as claves para solucionar o problema ao tratamento de augas residuais de Mondariz”, resume Montes Bugarín.

“Na construción da depuradora participaron todas as administracións, polo tanto na resolución das discrepancias que xera a súa xestión tamén deben implicarse todas elas. Calquera outra alternativa será un xesto para a galería, pero non traerá unha solución ao problema”, concluíu.