AporM: “Mondariz debe a Mondariz Balneario 138.246 € por gastos da EDAR”

Correspóndese cos exercicios dos anos 2019, 2020 e 2021

Mondariz/AporM | O Concello de Mondariz recoñece que debe ao de Mondariz Balneario 138.246,47 € que se corresponden aos gastos da depuradora dos exercicios 2019-2020-2021.

Así o recoñece José Luís Fernández Piñeiro, concelleiro de Facenda, nun documento oficial asinado o 25.01.2022, que sinala que “o Concello de Mondariz Balneario non xustifica as cantidades facturadas para cada un dos exercicios”.

AporM sinala que o goberno municipal de Mondariz é incapaz de dialogar e chegar a acordos co Concello de Mondariz Balneario, o que provoca que as augas sucias de Mondariz que poderían ser tratadas na EDAR que a Xunta de Galicia construíu naquel concello a través dun colector (dotado para verteduras de 2.000 habitantes equivalentes), siga sen conectarse á depuradora.

Na actualidade a EDAR conta cunha autorización de vertedura ao río para 2.500 habitantes equivalentes, sen embargo as súas características técnicas garanten a capacidade de depuración das augas residuais de 6.000 habitantes equivalentes, polo que sería preciso formalizar a conexión do colector de Mondariz e solicitar a autorización da Confederación Hidrográfica para unha vertedura acorde á capacidade real da EDAR. Montes Bugarín sinala que “os alcaldes de Mondariz e Mondariz Balneario teñen que entender tamén que si Mondariz non depura adecuadamente as súas augas sucias, o río Tea e ambos os dous concellos son os principais prexudicados, xa que o medio natural e os bañistas sofren as consecuencias”.

A solución?, diálogo con todos. Polo tanto: “solución supramunicipal, dialogada, que inclúa a construción dunha rede separativa de pluviais e fecais por parte da Xunta de Galicia, esas son as claves para solucionar o problema ao tratamento de augas residuais de Mondariz”, resume Montes Bugarín.

“Na construción da depuradora participaron todas as administracións, polo tanto na resolución das discrepancias que xera a súa xestión tamén deben implicarse todas elas. Calquera outra alternativa será un xesto para a galería, pero non traerá unha solución ao problema”, concluíu.