AporM censura o peche da piscina municipal de Mondariz

Por obras de reparación durante este verán

Mondariz/AporM | O goberno municipal de Mondariz vén de anunciar que a piscina municipal, situada no barrio do Pé do Muíño, na parroquia de Riofrío, tampouco vai abrir as súas portas este verán.

O alcalde, nunha mensaxe dada a coñecer nas redes sociais, afirma que “non poderá abrir ao público este verán porque é necesario realizar unha serie de obras de reparación para poñer en marcha esta instalación, e estas obras demandan cuantiosos recursos que neste momento o Concello de Mondariz non pode destinar”.

O goberno municipal decidiu non solicitar á Xunta de Galicia as subvencións que a administración autonómica convoca todos os anos para facilitar que os concellos doten as súas praias e piscinas de socorristas.

Xoán C. Montes, líder da oposición mondarizá, que conta con catro edís, preguntaralle no próximo pleno ao grupo de goberno por que o alcalde do BNG e o tenente de alcalde do PSOE non fixeron nada durante os últimos tres anos para poñer a piscina ao día, reparando o que fose necesario para que, este verán, unha vez superada a pandemia, as veciñas e veciños puidesen gozar de novo das súas instalacións, ao igual que van facer os dos concellos limítrofes: Covelo, As Neves, Ponteareas, Salvaterra ou A Cañiza.

“Un goberno responsable coida as instalacións e equipamentos municipais, manteno en boas condicións e pono a disposición dos veciños e veciñas. O goberno municipal de Mondariz é incapaz de abrir durante o verán a piscina, en particular para os nenos e as nenas, unhas instalacións inauguradas no ano 2015 que custaron máis de 300.000 euros”, afirma o portavoz de AporM, que mantivo aberta esta instalación durante os catro anos do seu mandato.

Tres anos pechada
O portavoz municipalista sinalou tamén que “se este verán non abre a piscina, sumará tres anos pechada, pola falta de previsión e mantemento do goberno municipal, que foi incapaz de abrir a piscina ao público nin un só día desde que chegou á alcaldía”.