Apoio unánime do PSOE de Ponteareas á moción de censura contra Mariano Rajoy

Os socialistas de Ponteareas ven similitudes entre o Partido Popular da Gürtel e Mariano Rajoy e o da Operación Patos e Belén Villar

Ponteareas/PSOE | A Executiva Municipal Socialista do PSdeG-PSOE de Ponteareas reuniuse de urxencia o pasado venres para analizar os recentes acontecementos relativos á moción de censura presentada polo PSOE a Mariano Rajoy con motivo da sentencia do Caso Gürtel na que o Partido Popular foi condenado por corrupción.

Nesta reunión, a Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Ponteareas, Chus Garrote, apoiou a moción de censura contra Mariano Rajoy posto que “é único mecanismo democrático e de garantías para apartar do goberno ao Partido Popular da Gürtel”. “Para nós esta é a moción da dignidade democrática” afirma Chus Garrote.

Neste mesmo sentido, o Secretario Xeral dos socialistas de Galicia, o ponteareán Gonzalo caballero, valora que pedro sánchez está facendo “o que piden millóns de progresistas fartos da corrupción” e apoia dar “un paso adiante” e convencer de que “é momento dun cambio político” dun goberno “inundado pola corrupción”.

Para os socialistas de Ponteareas esta moción de censura responde a unha necesidade de hixiene democrática e responsabilidade constitucional. “Ciudadanos só ten dúas alternativas: seguir como escudeiros do PP da Gürtel ou apoiar a moción de censura do PSOE para restablecer a confianza nas institucións e a dignidade democrática” sentencia Chus Garrote.

“Os ponteareáns dixéronnos hai 3 anos que estaban fartos da corrupción do PP e asumimos o goberno municipal con responsabilidade. Hoxe Pedro Sánchez está dando resposta a esa mesma demanda” declara Chus Garrote.

Desde o PSdeG-PSOE, afirman ver moitas similitudes entre o Partido Popular de Mariano Rajoy e da Gürtel, e o Partido Popular de Belén Villar e da Operación Patos, especialmente no que ten que ver co tráfico de influencias. Neste senso, consideran que os cidadáns de Ponteareas e por extensión os do conxunto de España, non merecen un goberno como o do PP cuxas políticas estiveron manchadas pola corrupción.