Ana Miranda (BNG) insta á UE a defender a soberanía do Sáhara Occidental

Solicita unha reunión co Alto Representante Josep Borrell

Aldea Global | A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, impulsa no Parlamento Europeo o envío dunha carta dirixida ao Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, na que eurodeputados e eurodeputadas de tres grupos diferentes denuncian a posición do presidente francés, Emmanuel Macron, sobre o Sáhara Occidental, -contraria á legalidade internacional- e expresan unha rotunda defensa da soberanía do territorio saharauí.

“Esa posición (de Macron) é totalmente a favor de Marrocos e demostra a falla de cumprimento do dereito internacional, a falla do respecto dos acordos sobre o Sáhara Occidental e unha falla de lexitimidade”, subliña a eurodeputada galega, quen recalca que o Sáhara non pertence a Marrocos, tal e como apuntan as diversas resolucións das Nacións Unidas.

En virtude desas circunstancias, que Miranda debulla de forma pormenorizada no documento enviado a Borrell, os eurodeputados e eurodeputadas asinantes solicitan un encontro co Alto Representante da UE, “tendo en conta que nuns meses será a sentenza, que seguramente lle dará a razón ao Frente Polisario, considerando os acordos coa Unión Europea de forma ilegal”.

Cumprimento da legalidade internacional
Así, a carta lembra que o Tribunal Europeo de Xustiza xa sentenciou que Marrocos e o Sáhara Occidental son dous países distintos e que Marrocos no ten soberanía nin unha administración recoñecida nos territorios que ocupa que lle permita dispoñer dos recursos naturais dese territorio.

Tamén recorda que a posición tradicional da Unión Europea neste asunto foi apoiar a posición de Nacións Unidas ao respecto e os esforzos levados a cabo polo Secretario Xeral de Nacións Unidas para aplicar as resolucións do Consello de Seguridade e o cumprimento da legalidade internacional.

Ademais, as eurodeputadas e eurodeputados asinantes consideran que a posición unilateral de apoio a unha das partes pode abrir unha confrontación nesta rexión, á que a Unión Europea está ligada en termos de abastecemento enerxético e o control da emigración, ademais de abrir unha grave afrenta diplomática, polo que instan ao Alto Representante a que realice un posicionamento público sobre esta posición unilateral e a defensa da legalidade internacional no respecto á situación do Sáhara Occidental.

 

Podes leer aquí a carta enviada ao Sr. Josep Borrell

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.