Ampliada en 600 metros cadrados a superficie da canceira da Protectora de Animais Aloia

Os máis de cen cans que viven nas instalacións poderán así realizar paseos diarios

Tui | O Concello de Tui vén de ampliar en 600 metros cadrados o espazo do que dispón a Protectora de Animais Aloia na canceira. En concreto véñense de rematar as obras que permiten incrementar a superficie de patio da que poderán gozar os máis de cen cans que hai na canceira.

A execución do proxecto comezou en 2016 cando se realizou a limpeza de vehículos inutilizados que había traseira das naves municipais. O ano pasado, ao abeiro do Plan Concellos 2017, construíuse un muro de contención. Agora vén de rematarse as instalacións coa colocación dun peche metálico e co recheo do terreo.

Nestes momentos nos que a Protectora de Animais Aloia non pode realizar os paseos dominicais cos cans agradecerán esta espazo para poder realizar paseos diarios dentro das instalacións.