Ames Radio xa ten a súa propia páxina web

Nova canle de comunicación coa cidadanía

Ames | O Concello de Ames presentou esta mañá a nova canle de comunicación coa cidadanía amesradio.gal. Esta radio á carta nace coa vontade de estar presente e, dun xeito, máis accesible no día a día dos amesáns e das amesás.

Os ouvintes poderán nun só clic acceder aos contidos que conforman a programación da radio local, consultar a axenda ou participar coas súas preguntas ou suxestións. AmesRadio dá coa creación deste servizo de radio á carta “un gran paso” como expresaba a concelleira de Comunicación, Natividade González.

A nova páxina web de Ames Radio presentouse esta mañá no Salón de Plenos coa presencia do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Comunicación, Natividad González e do Técnico de Comunicación, Juan Luís Silva. Este servizo de radio á carta nace cando se cumpren 14 anos da posta en funcionamento da radio municipal e coa intención de adaptarse aos tempos.

“Hoxe é un día moi importante” apuntaba a concelleira de Comunicación, Natividade González, “en 2007 nacía en Ames esta emisora de radio municipal, hoxe damos outro gran paso coa creación da súa propia páxina web. A radio á carta era un proxecto que eu tiña en mente dende que asumín a Concellaría de Comunicación para que o noso concello estivese á vangarda da tecnoloxía”.

E engadiu “Este servizo vai permitir que Amesradio se escoite en calquera hora e día da semana e, ademais, dende calquera lugar do mundo co que a partir de agora imos ser unha radio internacional”. A concelleira rematou agradecendo o traballo do Técnico de Comunicación Juan Luís Silva “grazas por crer neste proxecto e por levalo a bo porto”.

“Este servizo vai permitir que Amesradio se escoite en calquera hora e día da semana e, ademais, dende calquera lugar do mundo co que a partir de agora imos ser unha radio internacional”

Con agradecementos comezou a súa intervención o alcalde de Ames, Blas García, tanto para a concelleira de Comunicación como para o Técnico de Comunicación. A creación desta páxina representa, segundo García “un salto de calidade moi importante e unha mostra da aposta firme tanto da Concellaría de Comunicación coma do Goberno por esta plataforma de comunicación tan importante para o Goberno, os membros da Corporación pero, tamén, para toda a veciñanza de Ames”.

E continuou animando á veciñanza a escoitar AmesRadio “agora non hai escusa para escoitar a radio municipal e estar informados sobre o que acontece no noso concello e, tamén, para compartir e difundir as novas de Ames”.

Amesradio.gal é unha páxina sinxela e intuitiva que nace en verbas do Técnico de Comunicación do Concello de Ames, Juan Luís Silva, froito do “aumento da programación dos últimos anos debido á incorporación, entre outros, do espazo “Radio Cidadá” á programación. A veciñanza vai poder descargar e escoitar todo o que facemos a diario cando e onde queiran pero, tamén, para a xente que colabora de xeito desinteresado con nós teña o seu portal e poida escoitar os seus programas”.

A páxina de AmesRadio promove, ademais, a participación da cidadanía a través de dous números de teléfono 981 89 04 52 e 662 37 74 13 “aproveitamos a creación desta radio á carta para animar á veciñanza a involucrarse enviando preguntas, suxestións ou audios”.

“A páxina de AmesRadio promove, ademais, a participación da cidadanía”

AmesRadio está dispoñible dende hoxe mesmo para toda a cidadanía. A través desta nova canle de comunicación do Concello os amesáns e as amesás poderán acceder a todos os contidos da programación de Ames Radio. O xornalista e Técnico de comunicación do Concello de Ames Juan Luís Silva será o encargado de subir diariamente os podcats á web para que a cidadanía os escoite.

A páxina permite a descarga dos podcats, compartilos nas redes sociais ou copiar o enlace. Ademais, este servizo de radio á carta conta cun espazo de axenda onde se pode consultar cun só clic a programación diaria de AmesRadio.

Programación Ames Radio
Ames Radio conta cunha ampla programación que vai dende os espazos informativos, aos espazos políticos pasando por magazines e espazos para a cidadanía e que dende hoxe estará accesible a través da páxina web amesradio.gal.

Nos espazos informativos o xornalista Juan Luís Silva repasa a diario a actualidade do concello de Ames, coas novas e voces dos e das protagonistas da xornada. O “Matinal Ames” ofrece, ás 09:30 horas, un primeiro achegamento á información do día e “En Ames” ás 14:30 achega as novas máis destacadas da xornada.

“Somos Ames” é un programa de crónicas, entrevistas e reportaxes que se sustenta na actualidade e na historia do Concello de Ames. A cultura, a política, a economía, a educación, a sanidade, as infraestruturas, o comercio, o deporte, o medio ambiente e todo canto concirne á vida municipal e aos veciños e veciñas do Concello están presentes diariamente nesta revista informativa feita para e por a cidadanía de Ames. Pódese escoitar en Ames Radio todos os días ás 12:30 horas.

“O Goberno Responde”, coa pretensión de favorecer a comunicación entre a veciñanza e o goberno amesá, Ames Radio ofrece a posibilidade de preguntar ao alcalde e aos membros do goberno sobre os asuntos que lles preocupan aos veciños e veciñas. “O Goberno Responde” é un programa quincenal que se emite os xoves a partir das 12:00 horas.
“Veciñanza” é un espazo que nace coa vontade de recoller as entrevistas máis destacadas do magazine “Somos Ames”.

“Radio cidadá” co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza, o Concello de Ames abre as portas de Ames Radio para que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio. Ames Radio pon a disposición o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas.

“Radio cidadá’ co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza”

“Espazos políticos” é un fiestra aberta a todos os grupos que conforman a corporación municipal do Concello de Ames. Cada 15 días comparecen para analizar a actualidade e os asuntos de interese do municipio amesán. Os Espazos Políticos emítense de luns a xoves de 12:00 a 12:30 horas.

E por último, “Especiais” onde os ouvintes poderán acceder aos programas especiais, seccións destacadas e pezas de interese que se foron emitindo en Ames Radio ao longo do ano.