Amencer inicia as actividades do novo curso en Ourense

A asociación xuvenil cumpre 40 anos na cidade

Ourense | O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu está mañá na Aula Magna do colexio Salesianos da cidade de Ourense, á inauguración das actividades do novo curso 2026-2027 que levará a cabo a Asociación Xuvenil Amencer co apoio da Administración autonómica.

No acto, Manuel Pardo trasladoulles os seus parabéns aos responsables da entidade polos seus 40 anos de traxectoria, centrada na educación integral da infancia e da mocidade ourensá a través de accións transversais que desenvolven mediante o compromiso do tecido asociativo local e á implicación do seu voluntariado de mozos e mozas.

Amencer naceu o día 23 de marzo de 1987. Dende as súas orixes, hai 39 anos, é unha asociación xuvenil de ámbito do tempo libre que trata de educar integralmente aos seus destinatarios: nenos e mozos, aínda que indirectamente abrangue toda a sociedade ourensá. Move semanalmente unha media de 150 rapaces e mozos en grupos de tempo libre, dende os 6 até os 18 anos de idade. E ofértanse máis de 60 proxectos para todas as idades e centros de interese: música, expresión, solidariedade, medios de comunicación, deporte, etc. Hai un equipo de 60 responsables e animadores que coordinan e traballan de forma voluntaria para levar a cabo todo isto.

Realiza actividades de tempo libre nos grupos do Itinerario, organiza e colabora en actividades que promoven a solidariedade e o compromiso social, participa en encontros formativos de diversa índole e localización, favorecemos o desenvolvemento artístico-musical dos animadores e destinatarios, potencia momentos de encontro e convivencia ao longo de todo o ano, lanza actividades abertas a toda a cidade, nas que calquera que o desexe pode participar, informa de novas e actividades tanto internas como externas, traballando a prol da lingua e a cultura galegas. Move e organizase en rede con entidades, tanto de ámbito salesiano como entidades públicas e privadas, relixiosas e laicas, do noso país. Organiza a xestión para dar chegado a todos.

“Todo o que facemos, facémolo desde o voluntariado, desde a convicción de que outro mundo mellor é posible, tratando de potenciar e favorecer o protagonismo xuvenil; facémolo por e para os nenos e a xente moza”, dí a asociación.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.