Amancio López Seijas recibiu a insignia de ouro da Asociación Galicia en Asturias

O chantadino homenaxeado é presidente do grupo Hotusa

Oviedo | A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, enxalzou “os lazos históricos de irmandade” entre Galicia e Asturias e puxo en valor que a proximidade que sempre existiu entre ambas comunidades se ten consolidado como “un sentimento de cooperación e entendemento recíproco que debemos seguir mantendo e transmitindo aos nosos descendentes”.

Durante o acto, celebrado no Hotel Reconquista de Oviedo, Amancio López Seijas, presidente de Hotusa, e natural de Chantada (Lugo), recibiu a insignia de ouro entregada pola Asociación Día de Galicia en Asturias. Ramiro Fernández Alonso, que durante 30 anos foi perruqueiro da selección española de fútbol masculina, tamén foi agasallado coa insignia do colectivo galego.

Na celebración do Día de Galicia en Asturias, Ángeles Vázquez salientou que os galardoados desta edición son o perfecto exemplo de persoas que, “sen perder os vínculos co seu territorio de orixe, superaron todas as fronteiras coa súa prolífica traxectoria”.

A vicepresidenta segunda, ademais de gabar o labor da Asociación Día de Galicia en Asturias, que se encarga de desenvolver actividades e iniciativas que reforzan aínda máis os “lazos sociais, culturais e económicos que nos unen”, subliñou que ambas comunidades comparten tamén unha biodiversidade e un patrimonio natural únicos en España.
Nas fotos, Amancio López Seijas recibindo o agasallo por parte de Manuel Fernández Quevedo e Ramiro Fernández Alonso, no centro da foto, coa súa nai e o alcalde de Oviedo Alfredo Canteli.