Alumnado de Cantería de Galicia elabora un templete para Insua dos Poetas

A peza escultórica en granito fino supera os 5.000 quilos e tres metros de altura

O Carballiño | A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron na inauguración dun templete elaborado por alumnado de Formación Profesional na Ínsua dos Poetas, no Carballiño, o espazo literario e cultural situado na parroquia de Madarnás e xestionado pola Fundación do mesmo nome, impulsada por Luís González Tosar.

En concreto, a escultura foi realizada por alumnado das antigas ensinanzas da Escola de Canteiros, do que hoxe é o Centro Integrado de FP Cantería de Galicia en Poio. Está realizada en granito fino procedente de distintas zonas de Lugo e de Ourense. Esta estrutura ornamental, que imita as liñas dun templo clásico, supera os cinco mil quilos e conta cunha altura de preto de tres metros.

Eugenia Pérez destacou a importancia de conservar e impulsar os oficios tradicionais, como é o da pedra, moi vinculado á cultura e á economía galega. “Non pode haber lugar máis idóneo para mostrar este templete que este museo vivo ao aire libre concibido para exaltar a lingua, a literatura e a arte galega”, subliñou.

A directora xeral de FP valorou o impulso das ensinanzas de cantería en Galicia a través dun centro de referencia como é o CIFP de Cantería, cun modelo formativo renovado, onde se combina tradición e innovación para dar resposta ás novas demandas do tecido produtivo e favorecer a inserción laboral dos titulados nos ciclos impartidos como son os ciclos básico en Reforma e mantemento de edificios, medio de Pedra natural especializado en cantería e os superiores de Proxectos de edificación e de Modelaxe da información da construción.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.