Alfonso Rueda, outro presidente títere de Madrid.

Non gosto da hipocrisía, nin do cinismo, nin da ruindade propia ou allea. E iso foi o que vin en boa medida nos representantes do PP no debate do Parlamento galego. Sinto non ser máis correcto formalmente.

“Está claro que Madrid financia a indignidade galega e premia a traizón ao país”

Está claro que Madrid financia a indignidade galega e premia a traizón ao país, porque queren manternos na lama da servidume. Unha opresión que a nós nos causa estragos, pero que a eles lles proporciona bastantes beneficios económicos.

Que vai facer Alfonso Rueda? O mesmo que os antecesores do PP, matices aparte. Destruír o país, vendelo, españolizalo e garantizarse a cambio un retiro dourado ou un ascenso como o de Feijóo.

Como dicía Anxo, o responsábel sindical da CIG-Ourense referíndose a Feijóo, esta xente do PP non serve a Galiza, sérvese de Galiza para enriquecerse e medrar. Aínda a risco de volver ser politicamente incorrecto e ser criticado por isto, “o porco segue de pé”.  Porén Galiza non precisa outro Delegado do Goberno-bis ou Delegado rexio, como tivo case sempre, senón unha muller verdadeiramente leal ao pobo galego, demócrata, que crea no país e o defenda do feroz centralismo que nos esmaga.

Acompañada dun goberno na Xunta que, aínda que non o poida solucionar todo, polo menos faga o posíbel para acadar o máximo que se poida conseguir neste contexto opresivo. Que free a desfeita e que nos permita manter a esperanza no futuro de Galiza, o noso país.

Non teñades medo, asumide compromisos, exercede e loitade polos vosos dereitos.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.