
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantivo un encontro institucional con Alfonso Pereira, novo cónsul honorario de México en Galicia, con motivo da súa recente toma de posesión.
Menor valorou “moi positivamente” que a provincia poida contar coa estreita representación dun país que considera “tan importante, influente e decisivo” para Ourense como é México, subliñando ademais os fortes vínculos que ten este país coa provincia, nomeadamente en lugares como Avión ou Beariz.
O encontro serviu para abordar as relacións bilaterais nun dobre sentido. Por unha banda, o presidente provincial destacou o firme compromiso da Deputación para “coidar e amparar” á comunidade ourensá que reside no país azteca, así como para atender as necesidades que poidan ter na súa terra de orixe.
Por outra banda, a reunión centrouse no ámbito económico. O presidente da Deputación subliñou que o perfil de Alfonso Pereira, unha persoa moi vinculada ao mundo da economía e a empresa, servirá como “altofalante” para situar á provincia de Ourense no punto de mira de “posibles investimentos”. O obxectivo é atraer non só o capital daqueles empresarios mexicanos que teñen raíces galegas, senón tamén abrir a porta a novos investidores doutros lugares do país.
O novo cónsul de México en Galicia mostrouse “moi ilusionado e contento” de que a representación consular galega estea tan vinculada a Ourense, dada a especial relación histórica que une a ambos territorios. Pereira trasladou a Luís Menor as súas enormes “ganas de traballar” en favor da comunidade no exterior, de captar investimentos para a provincia e de manter, en todo momento, unha “relación moi fluída” entre ambas as institucións. Na foto Luís Menor e Alfonso Pereira.




