Alexandra Pérez Quiroga gaña o concurso de carteis da Feira do Viño do Ribeiro

A 61 edición celebrarase do 3 ao 5 maio

Ribadavia | O xurado do concurso de carteis da 61ª Feira do Viño do Ribeiro reuniuse na sede do Consello Regulador do Ribeiro, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2024, que terá lugar na vila ribadaviense do 3 ao 5 de maio.

O cartel gañador está deseñado por Alexandra Pérez Quiroga, galega residente en Lyon (Francia), e foi elixido entre 74 propostas presentadas nesta edición do concurso. Ela vive en Francia dende fai oito anos. Traballa como ilustradora e deseñadora gráfica dende 2015.

No seu traballo, como na vida real, sostén, intenta dar un toque de humor, simbolismo e accesibilidade. Crea composicións que desperten a alegría, a curiosidade e que o público poida conectar nese sentido. O seu traballo artístico inspírase na mitoloxía, a natureza e a cultura popular. A artista tamén indica que lle interesa moito o misticismo do folklore coma os contos e as historias de tradición oral galegos.

O xurado estivo integrado por profesionais no ámbito do deseño gráfico e dos coorganizadores da Feira do Viño. O grupo tivo que deliberar entre 20 obras preseleccionadas polo público. Un total de 354 persoas emitiron os seus votos durante o prazo, que foi dende o 19 ata o 28 de xaneiro. Todas elas foron sometidas ao xuízo, resultando a obra gañadora premiada con 1.000 euros. Participaron como membros do xurado: Juan M. Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro. María Luz Expósito, segunda tenente de alcalde do Concello de Ribadavia. Jaime Díaz, de Incubarte, creatividad multicanal e Luís Estévez, de Oeste Marketing.

Juan Manuel Casares comentou: “consideramos un éxito o de volver ao formato anterior de selección do cartel a través dun concurso. Quero salientar o obxectivo de lograr unha alta participación popular na preselección do cartel que representará esta feira, na que votou moita xente: veciños de Ribadavia, visitantes da mesma e moitas máis persoas dos concellos de arredor.”

César Fernández, alcalde de Ribadavia, afirma que “estamos moi satisfeitos polos máis de 300 votos do público, xente que se achegou á exposición que se puido visitar durante dez días no local social da Madalena, así logramos facer máis participativa esta vindeira Feira do Viño do Ribeiro, involucrando aos veciños e veciñas de Ribadavia”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.