Aldraxe a Galiza no Día da Patria.

No Obradoiro estaba o Rei e parte da súa familia, coido que o Presidente da Xunta, unha representación do Exército español, pode que alguén do alto clero e non sei que autoridades máis, entre as que si destacaba a ministra galega e Vice-presidenta do Goberno, de UP.

Nós, alleos a toda esa ceremonia españolista, rancia e casposa, estabamos na Alameda a piques de saír en manifestación polo Día da Patria Galega (oficialmente, “Día Nacional de Galicia”), cando unha escuadrilla de avións -que a algúns nos lembrou á “Luftwaffe”- pasou en voo rasante sobre nós, pintando no ceo limpo de Compostela a bandeira española.

Pasou máis veces, porén a xente que ía en manifestación reaccionou de xeito similar, uns fixeron a puñeta aos avións e toda/os berramos “Galiza ceive, poder popular!”. Vin polas redes que uns manifestantes anónima/os queimaran unha bandeira española. “Queimar o que nos queima”, dicían e eu non puiden senón comprender a súa indignación.

Primeiro provocannos con prepotencia, logo alguén reacciona con indignación e pasa a ser mala/o.. Que se perseguía con esta inusual exhibición españolista o Día da Patria Galega? Intimidarnos, humillarnos, deixar claro que o Estado segue sendo hostíl a nós e ás nosas lexítimas reivindicacións, que a democracia española segue a ser unha farsa e está secuestrada pola/os herdeira/os de Franco? Non sei, eu non son analista; porén non creo nas casualidades: sabían o que facían e en que momento o facían.

Eu só describo o que vin e estou feliz porque estaba do lado correcto: defendendo a dignidade e os dereitos de Galiza. E había tanta xente que fomos moita/os que non demos entrado na Quintana nin en Praterías e ficamos atascados na rúa Vilar.

O Presidente da Xunta, o Sr. Feixóo, aplaudiu e agradeceu publicamente esta aldraxe a Galiza; outra/os preferiron calar, gardando un silencio covarde. Pensades que vos vai ir mellor se nos esmagan “democraticamente”?

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.