Alcaldesa Inés Rey destacou a calidade das instalacións da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias na Coruña

Tras a renovación de 20.000 m2 de céspede artificial

A Coruña | A alcaldesa Inés Rey visitou este mércores as instalacións da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias para comprobar o estado dos traballos de renovación dos campos, nos que se instalaron un total de 19.968 metros cadrados de céspede artificial. Está previsto que o Concello recepcione a obra a finais da actual semana.

Os traballos para renovar o céspede artificial de 4 dos 5 campos multideportivos das instalacións da Torre contaron cun orzamento total de 982.069,88 euros, IVE incluído. A actuación consistiu na substitución do céspede artificial dos campos, a renovación do sistema de rega e a homologación do campo número 2 para, ademais do fútbol, poder acoller competicións nacionais de rugby.

Tratábase dunha demanda dos clubs de rugby da cidade, que pedían unhas instalacións adecuadas para a práctica deste deporte. En canto á rega, o sistema é perimetral mediante canóns de rega emerxentes. Deste xeito mellórase o uso dos terreos de xogo, xa que se suprimiron os aspersores dentro dos campos.

Inés Rey destacou a alta calidade destas instalacións polas que cada mes pasan case 20.000 persoas. “Estamos ante unha Cidade Deportiva de primeiro nivel nacional. Estes campos, situados nun lugar privilexiado aos pés da nosa Torre, permitirán aos clubs da cidade desenvolver os seus adestramentos e partidos nun céspede de última xeración grazas a esta actuación”, afirmou Inés Rey, que destacou a aposta do seu Goberno municipal polo fomento do deporte a través da renovación das diferentes instalacións de titularidade local, para as que se destinaron case 4,5 millóns de euros.

Os campos da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias son utilizados por unhas 45 entidades da cidade, entre clubs de fútbol, rugby, fútbol gaélico, hockey sobre herba e freesbee, entre outros deportes.

Empréganse tamén para actividades das federacións de fútbol e hockey e acoller partidos de ligas de asociación de afeccionados e empresas.

A alcaldesa Inés Rey destacou o papel que teñen estes campos entre a mocidade e o deporte base da cidade. “Por esta Cidade Deportiva pasaron moitas xeracións de coruñeses e coruñesas. É nosa a obriga que poidan seguir a facelo nunhas instalacións modernas e seguras”, dixo.

Instalacións da Xunta
Por outra banda, Inés Rey esixiulle á Xunta de Galicia que acometa traballos de mellora nas instalacións de titularidade autonómica que ten na cidade. Referiuse en concreto aos campos de fútbol do complexo polideportivo de Elviña, que depende da Secretaría Xeral para o Deporte.  “É preciso que o goberno autonómico tome medidas para reparar as deficiencias que presentan estes campos antes de que se produzan lesións e outras incidencias”, apuntou Inés Rey.