Alcaldes do PSdeG de Pontevedra esixen á Xunta transferir 250 millóns€ para os afectados pola pandemia

Piden tamén explicacións sobre o destino dos 1.193 millóns para a COVID

Pontevedra/PSdeG | Os/as 22 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia de Pontevedra acordaron esixir da Xunta de Galicia a transferencia inmediata de 250 millóns de euros, con criterios regrados, entre tódolos concellos de Galicia para que sexa a Administración local, a máis próxima á cidadanía e “á primeira porta á que chama a xente cando hai un problema”, a que reparta as axudas aos sectores máis afectados pola pandemia de COVID19.

Así se acordou nunha xuntanza telemática na que tamén participaron as e os 8 tenentes de alcalde dun partido que goberna a 600.000 dos algo máis de 900.000 veciños e veciñas desta provincia. Un encontro no que tamén tiveron voz a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os presidentes das federacións española (FEMP) e galega (FEGAMP) de municipios e provincias, Abel Caballero e Alberto Varela.

O municipalismo pontevedrés expresa a súa fartura cun Goberno galego, sempre preocupado pola confrontación como estratexia para eludir as súas responsabilidades, mesmo nunha situación tan crítica como a actual. Así os/as responsables locais socialistas acordaron deixar moi claro que que “quen pecha, paga”. Deste xeito sumáronse aos colectivos que defenden que o mesmo día en que a Xunta acorde pechar ou restrinxir un sector debe aprobar as indemnizacións correspondentes.

Ademais, diante da incapacidade da Xunta para xestionar axudas cribles e trazables, ofrecéronse para que, unha vez transferidos eses 250 millóns (en torno a 120 millóns por cada un dos dous anos da pandemia), os concellos sexan o Portelo único onde se tramiten e resolvan as axudas reais “con cartos contantes e sonantes en lugar do fume da propaganda institucional”.

“Os concellos, afogados”
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, lembrou que a Xunta de Galicia ten recibido xa 1.193 millóns de euros extraordinarios do Goberno de España para atender tódalas frontes derivadas da COVID19 e non transferiu nin un só euro aos concellos galegos, a pesar de que estes asumiron subvencións directas ás súas pequenas empresas e autónomos, exencións e bonificacións ficais e mesmo gastos por competencias impropias como as desinfeccións de colexios e espazos públicos.

Máis aínda, viron disparados os gastos das políticas sociosanitarias, entre as que destaca xa o custo do Servizo de Axuda no Fogar, competencia exclusiva da Xunta de Galicia, e no que a Xunta abona menos da metade do custe real do servizo. “Os concellos están afogados, algúns repartiron case o 5% do seu Orzamento en axudas directas, e Feijoo pretende que sexan eles os que sigan pagando case en solitario a factura da pandemia”.

Diante desta situación o único apoio económico que ten chegado aos concellos da provincia de Pontevedra provén da Deputación que lles achegou 28 millóns de euros de anticipos da súa recadación tributaria, antes de ter cobrado un só euro, ademais de dous fondos extraordinarios dotados con 1,3 millóns de euros e 365.000 euros durante o ano pasado. Este mesmo ano, a Deputación xa comprometeu co seu Orzamento 2021 outros 6 millóns de euros englobados dentro da nova liña de flexibilidade do Plan Concellos.

Axudas da Xunta embarulladas e pouco transparentes
O secretario xeral provincial demandou unha explicación detallada, “partida a partida” do destino deses 1.193 millóns de euros “que a Xunta meteu non sabemos onde, aínda que sospeitamos que, parcialmente, acabaron nas súas carísimas campañas de publicidade, que, dende logo, non son a prioridade cando tantos sectores, como a hostelería, o lecer nocturno, o turismo e a cultura estano a pasar realmente mal”. A falta de transparencia da Xunta, engadiu Regades, esténdese tamén ao alcance das axudas repartidas entre os colectivos de autónomos. A Xunta divulga cifras carentes, segundo Regades, da menor credibilidade. “Axudas”, engadiu, “embarulladas, con convocatorias redundantes, difíciles de tramitar e moi, moi pouco transparentes”. “As contas da Xunta sobre as axudas repartidas nin as cren os profesionais da hostelería, nin ninguén”, concluíu.

Acordo das tres deputacións
Durante a xuntanza do municipalismo socialista tomouse nota de que as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo xa acordaron conxuntamente demandar da Xunta de Galicia rebaixas na súa carga impositiva sobre os sectores produtivos afectados e sobre a cidadanía, nomeadamente nos canons da auga, do lixo (Sogama) e o tramo autonómico do IRPF para o caso dos negocios afectados.

Estas mesmas exencións, subliñouse, servirían para que os concellos puideran trasladar rebaixas directas na factura da auga e do lixo que pasan á veciñanza e ao comercio, dado que os impostos autonómicos van “ocultos” e a maior parte dos contribuíntes descoñecen que tamén están a pagar fiscalidade autonómica no recibo municipal.

Por outra banda, o municipalismo socialista pontevedrés felicitouse polo acordo alcanzado na Comunidade valenciana, onde a Generalitat, as deputacións e os concellos van da man dende o comezo da pandemia, con lealdade institucional. Un acordo que agora invoca “de xeito espurio e con total desfachatez” a Xunta de Galicia, sabendo que non mantiveron nin unha soa xuntanza conxunta co mundo local, tal e como lle reclamou insistentemente, a través de sete cartas non contestadas, a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

En todo caso, a asemblea municipal socialista da provincia de Pontevedra valorou o “modelo valencián” como un paso positivo na medida en que serán os municipios os que tramiten e repartan as subvencións do Fondo Covid19 desta comunidade. Aínda así, os alcaldes e alcaldesas consideran que sería moito máis axeitado o “modelo alemán”, é dicir, a aprobación simultánea das indemnizacións aos sectores afectados nos mesmos decretos nos que se lles restrinxe a actividade.

“Isto non é outra disputa entre Adminstracións, é un basta xa”, expresaron varios representantes municipais. “Non é posible seguir tolerando as faltas de respecto institucional dunha Xunta de Galicia completamente antimunicipalista”, afirmou David Regades. “Feijoo está afeito ao “estilo Maduro”, a dicirnos autoritariamente o que temos que facer; un tic que se lle descontrolou dende as últimas Eleccións Autonómicas, pero agora vivimos unha situación dramática e calquera cousa que non sexa que as institucións colaboremos é fallarlle á cidadanía”.

Por todo elo, o municipalismo socialista da provincia de Pontevedra demanda da Xunta que se apoie nos concellos, financiándoos cunha parte dos cartos que recibe do Estado e converténdoos no Portelo único que reparta axudas reais e realistas aos sectores máis prexudicados.