Alcaldes do Condado Paradanta esixen enlace á A-52 sentido Ourense

Os rexedores da Cañiza, As Neves, Mondariz, Balneario e Covelo enviaron a petición ao Ministerio de Transportes

O Covelo | As alcaldías dos concellos de A Cañíza, As Neves, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario unen forzas para esixir ao Ministerio de Transportes que se proxecten e se executen as obras necesarias para completar a mobilidade en ambos sentidos no enlace de Lentille da autovía A-52, na saída 282, de forma que se complete a incorporación na A.52 dirección Ourense – Madrid e a saída de retorno de Ourense – Madrid.

Os alcaldes acadan tamén o apoio da Asociación de Empresarios de Transporte (ASETRANSPO), da Asociación de Empresarios Turísticos do Condado Paradanta e Salceda de Caselas e de empresas como Hotel CEMAR e Balneario de Mondariz,

Estas cinco alcaldías remitirán un escrito á delegación do Gobeno en Galicia e ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible adxuntando xa o proxecto técnico selado por un enxeñeiro civil e de obras públicas colexiado do CITOPIC para que só teñan que comprometer os fondos que o fagan posible.

As alcaldías propoñen que se estude e se teña en conta a solución proposta polos concellos implicados por parecerlles a menos gravosa e que completaría a totalidade de movementos en ámbalas dúas direccións, sen prexuízo de calquera outra que os técnicos do ministerio consideren máis oportuna.

As cinco alcaldías están de acordo en que a mellora da mobilidade no enlace de Lentille é unha obra fundamental para a comunicación dos concellos de Covelo, Mondariz, A Cañiza, As Neves e Mondariz Balneario.

Na actualidade a saída 282 ofrece a mobilidade nun único sentido, pois posibilita unicamente a incorporación na A-52 dirección a Vigo e saída de retorno de Vigo, non sendo posible a incorporación na A-52 dirección a Ourense-Madrid nin a saída de volta de Ourense – Madrid, debendo facelo no centro de A Cañiza a través da N-120.

Isto obriga a facer un percorrido de 20 Km polo Alto de Fontefría, por una estrada en mal estado, na que en inverno son habituais as néboas, a neve e o gando solto pola estrada, co conseguinte perigo de accidentes.

Os alcaldes destes concellos salientan a importancia deste avance que facilitaría as relacións comerciais, e empresariaiscos concellos de Ourense e do resto de España e posicionaría mellor os negocios do sector turístico, ademais de mellorar o día a día das persoas que se desprazan a traballar na provincia de Ourense e residen no Condado Paradanta e tamén das e dos estudantes do campus de Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.