Alcalde da Cañiza visitou a empresa “Transportes González”

Dentro do proxecto de ampliación de chan industrial, empresarial e comercial

A Cañiza | O pasado venres 17 de febreiro o Alcalde Luís Piña tivo a oportunidade de visitar a empresa “Transportes González”, situada tamén na II Fase do Polígono Industrial da Cañiza dende o ano 2011 en que adquiriu 4.300 metros de parcela e nave para asentar na Cañiza esta mercantil fundada no ano 1968.

Con 55 anos de experiencia a empresa familiar comezou con Manuel González (pai), fundando unha pequena transportista de mercancías que foi aumentando ata a actualidade, dirixida polo seu fillo Manuel Angel González co que traballa tamén o neto do fundador, Juan Manuel González.

Cunha flota de 6 camións, 7 traballadores, unha nave de 1000 m2 e unha parcela de 3300 m, entre os tres dirixen esta empresa que traballa rutas nacionais e internacionais (principalmente Italia, Bélxica, Holanda, Francia e Alemaña) e que ten como obxectivo e principio “ofertar un trato personalizado e adaptado aos seus clientes”.

O principal cliente de Transportes González é DOMIBERIA S.L.U., unha empresa con domicilio social na Rioxa, con 7 fábricas en España e Holanda, unha delas en Vigo, adicada á manufactura e comercialización de envases de hoxalata para todo tipo de conservas.

Para DOMIBERIA leva traballando dende hai 30 anos transportando as mercancías das fábricas de todo o grupo. Tamén se dedica ao transporte de pezas de automoción, traballando para Citroen e para outras fábricas auxiliares.

Nesta nova visita ás fábricas e empresas asentadas no polígono municipal da Cañiza do pasado venres, 17 de febreiro, Luis Piña coñeceu da man do actual Xerente Manuel Angel González as principais rutas da transportista que en nacionais chega ata as Islas.

En palabras do Alcalde “estamos orgullosos de poder visibilizar o tecido empresarial asentado na nosa zona industrial”. “Estamos traballando para dotar de máis chan industrial, empresarial e comercial ao noso Concello aproveitando o potencial máis alto que temos e que está asociado á estratéxica situación xeográfica que comunica A Cañiza con todas as direccións”.

Unha vez máis o Alcalde lembra que A Cañiza é a porta de entrada á Plisan e a Vigo e a nosa cercanía con Portugal nos engade outro plus. Unha mensaxe que quere actuar como catalizador de miradas empresariais hacia a nosa contorna e hacia A Cañiza, unha localidade con grandes potencialidades e oportunidades industriais.