AECT Rio Minho busca promoverse como destino transfronteirizo

Creará un Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial Transfronteirizo

Tui | O AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra celebraron o Día Mundial no Turismo destacando o grande potencial do territorio miñoto e a necesidade de poñer en valor a marca ‘Rio Minho’ como destino transfronteirizo de natureza e patrimonio, baixo o lema ‘Un rio, dous países, un destino’.

Fixérono durante a xornada ‘Crescimento e Sustentabilidade’ organizada polo Grupo Editorial Vida Económica en parcería coa Câmara Municipal de Valença, dando así os primeiros pasos para dúas novas actuacións na Eurocidade Tui-Valença: a creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial Transfronteirizo (cunha plataforma web) e o acondicionamento dun novo sendeiro no concello de Tui.

Por outra banda, asinouse o protocolo de colaboración entre o AECT Rio Minho, a Câmara Municipal de Valença e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… Nas Ondas! Para o desenvolvemento dun Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) no ámbito do proxecto LIVHES, cofinanciado polo Interreg 2014-2020.

Este acordo permitirá que se cree unha Plataforma Dixital sobre o patrimonio inmaterial transfronteirizo na que Ponte… nas Ondas! será responsable de contidos.