AECT Rio Minho asina a Declaración de Montevideo sobre concas hidrográficas eurolatinoamericanas

A entidade traballará con organismos de Uruguai, Arxentina, Brasil e da conca do Rhin alemán

Montevideo | O AECT Rio Minho vén de asinar en Uruguai a ‘Declaración de Montevideo’, o documento de formalización da Rede de Concas Hidrográficas Transfronteirizas Euro-Latinoamericanas, unha entidade internacional que pretende facilitar o intercambio de coñecementos e favorecer a cooperación, a partilla de experiencias e de coñecementos en materias de recursos hídricos, sustentabilidade ambiental e riscos vencellados ao cambio climático, entre outros.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez, foi ‘testificante’ da sinatura da Declaración de Montevideo ‘en liña’ xunto á Xabier Macías, desprazado ata Paysandú durante toda a pasada semana. Para o mandatario nacionalista é fudamental o posicionamento do agrupamento miñoto nunha rede destas características, xa que fortalece as relacións interinstitucionais e intergubernamentais con entidades de moita máis entidade e orzamento como son as das concas do Rhin, o río Uruguai, o lago Titicaca e as compartidas por Ecuador, Bolivia, Brasil e Perú.

Durante a celebración do encontro de formalización da rede, o representante do AECT explicou ante un auditorio de máis de 150 persoas as particularidades do planeamento estratéxico do agrupamento miñoto, o traballo que se realiza coas eurocidades, a promoción do turismo e a necesidade de avanzar na protección medioambiental compartida.

Dende o AECT asistiuse tamén con interese á avanzada experiencia de xestión do Rhin, compartida entre varios estados europeos (Suiza, Liechtenstein, Austria, Alemania, Francia, e Países Baixos); á da Comisión Administradora do Río Uruguai (CARU), entidade anfitriona que xestiona a navegabilidade e as pontes internacionais do Río Uruguai; así como á presentación do proxecto de Corredor biolóxico na triple fronteira que se visitará hoxe nas inmediacións de Barra do Quaraí. Tamén se asinaron acordos co Comité Trinacional (de Uruguai, Arxentina, Brasil) de maneira bilateral coas Eurocidades, así como coa Mancomunidade Internacional do Lago Titicaca. Houbo tamén un recibimento polo presidente da República, Luis Lacalle Pou.