Abre as portas a nova oficina de turismo de Tui

Nos antigos Xulgados do Paseo da Corredoira

Tui | O Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, acompañado pola Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e os socios do proxecto Interreg Río Miño Navegable, serán os encargados de inaugurar a Oficina de Información e Turismo que se traslada aos antigos Xulgados do Paseo da Corredoira.

O sector turístico é un eixo estratéxico para Tui e, en especial, unha oportunidade para fortalecer o desenvolvemento sostible da zona, servindo de motor para a súa economía urbana.

Dende o propio Concello, Salvaterra, Monçao, Valença, Turismo de Galicia, Turismo Norte de Portugal e Patrimonio Natural levan anos traballando para poder actualizar e acadar unha oferta de calidade que contemple absolutamente todo o que a localidade e a súa contorna ten para atraer aos visitantes. Unha nova oficina para mellorar a experiencia dos turistas.

Nesta liña, o concello transformou con cargo a fondos europeos do proxecto Interreg Río Miño Navegable (Programa de Cooperación Transfronteirizo Interreg V A 2014- 2020), o inmoble de propiedade municipal que nos últimos anos albergara o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº3 de Tui, para reconvertelo nunha oficina de turismo máis accesible, céntrica e ampla que se inaugurará o vindeiro mércores, 2 de febreiro.

O acto de presentación dará comezo ás 12.00 horas, e correrá a cargo do Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, que estará acompañado pola Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; e os socios do proxecto Río Miño Navegable.

O acto continuará ás 12.30 horas cun percorrido guiado polo casco antigo da localidade para rematar, ás 13.00 horas, no Convento de Santo Domingo de Tui, onde os asistentes poderán degustar un aperitivo. 1/2 Un proxecto máis ambicioso: ‘Río Miño, un destino navegable’ A mudanza de localización e a renovación da Oficina de Turismo non é un simple cambio illado, senón que responde a un obxectivo moito máis ambicioso no que o fin é mellorar a experiencia global de acollida aos visitantes, así como abrir unha nova e atraínte vía de acceso ao turismo da man do proxecto ‘Río Miño, un destino navegable’.

A nova marca turística transfronteiriza que mira con esperanza ao Miño, presentada xa en FITUR, desenvolverase polo miúdo durante o acto de inauguración da oficina. O río Miño ten un valor natural incalculable, sen embargo, polo de agora o turismo vivira de costas ás particularidades e ás posibilidades que ofrecía no seu tramo final, precisamente onde serve de fronteira a Galicia e o norte de Portugal. Conscientes de que non é o mesmo ver o seu discorrer desde a beira que nunha travesía, o concello de Tui, da man dos municipios de Salvaterra do Miño, Valença e Monção somérxense no proxecto e na consolidación da marca Visit Río Miño.

O seu fin é o de crear unha ruta fluvial mellorando a navegabilidade do río, para así favorecer a conectividade da Eurorrexión, a interrelación entre estas dúas eurocidades (Tui-Valença e MonçãoSalvaterra), ao tempo que ofrecen produtos turísticos cada vez máis atractivos para os visitantes. Para acadalo, contouse cun presuposto de máis de 1 millón de euros dos que Europa, a través de fondos Interreg, aporta o 75%. Durante o acto de inauguración daranse a coñecer as diferentes accións que confluirán na creación de distintas rutas turísticas, así como o que suporá esta nova marca turística para a localidade tudense.