Aberto prazo de inscrición para campamento de Semana Santa no Porriño

Os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá (9h-14h)

O Porriño | O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa 2022, dirixido ás nenas e nenos do municipio de entre 3 e 12 anos cumpridos. Desenvolverase en instalacións municipais os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá (9h-14h).

“Con esta iniciativa preténdese potenciar a seguridade e autoestima dos máis pequenos da casa, fortalecer as súas habilidades, eliminar os seus medos e potenciar neles valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto”, explicou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que se trata dun “espazo de convivencia, de aprendizaxe e de ocio para os nenos e nenas e, á vez, unha opción para a conciliación, xa que nestas datas para moitas familias xorde a necesidade de atopar un lugar seguro no que as súas fillas e fillos poidan disfrutar das vacacións mentres eles traballan”.

O prazo de inscripción abrirase o luns 4 de abril ata cubrir as 40 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deben dirixirse ao Rexistro do Concello onde se lles facilitará a folla de inscrición e toda a información complementaria.

No caso de existir máis demandas que prazas, estas cubriranse seguindo o baremo de puntuación establecido.

Punto de información catastral
O Concello do Porriño contará desde este mércores cun Punto de Información Catastral, un servizo gratuíto que estará ubicado nas oficinas do departamento de Urbanismo (2ª planta-Casa Consistorial).

A través deste servizo a veciñanza poderá obter certificacións, localizar parcelas, realizar trámites en liña como presentación de documentación catastral, recursos, contestar requirimentos catastrais, cambios de dominio, así como asistencia e información en materia catastral. Tan só é preciso a presentación do DNI.

O PIC estará aberto ao público os mércores de 16 h a 19 h. É recomendable solicitar cita previa, indicando o trámite a realizar. Pode facerse a través do teléfono 986 335 000, a través da Sede Electrónica ou presencialmente no Departamento de Urbanismo.