Abertas as inscricións para a penúltima ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

Organizado pola Deputación de Pontevedra este 6 de novembro

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra abre este luns, 24 de outubro, o prazo de inscrición para a penúltima das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.

Esta nova ruta, que se desenvolverá o 6 de novembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Enseada de San Simón, que abrangue os concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa. Ofértanse 25 prazas para esta actividade guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse xa na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

A Enseada de San Simón está situada no máis profundo da ría de Vigo, onde a influencia das mareas propicia nesta paisaxe intermareal, a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais dunha gran riqueza de contornos arbóreos converténdoa nun espazo protexido pola Rede Natura 2000.

Ademais do parrulo asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real e ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.

A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para as/os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo terreo, así como protector solar.

Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Tras esta penúltima ruta, e despois de pasar por localizacións como o Complexo Intermareal Umia-O Grove, as Ribeiras do Río Umia, o Parque Natural do Monte Aloia, as Brañas de Xestoso, e a Serra do Suído, o programa “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 18 de decembro coa ruta pola desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio-Pontevedra).

SmartPeme pecha con seis novas accións formativas
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta seis novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como antivirus e actualizacións de software, márketing con influencers, optimización de webs, financiamento bancario, organización de citas ou programación.

Este luns 24 de outubro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, antivirus e actualización do software”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer dúas das contramedidas básicas que debemos ter en conta: a necesidade de ter o software actualizado para corrixir vulnerabilidades e a utilización e elección dun antivirus, cal e por que.

O martes 25 haberá 2 cursos: “Como facer campañas de márketing con influencers” e “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”. O primeiro destes talleres desenvolverase na quenda de mañá e estará instruído por Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas.

O obxectivo desta formación é mostrar a figura do influencer nas redes sociais como elemento clave para incrementar vendas e crecer na comunidade. O segundo obradoiro está dedicado ao SEO e tratará sobre os factores externos que afectan ás páxinas webs e que inflúen no seu posicionamento, ademais de coñecer as mellores prácticas SEO e a forma de medilas con analítica web.

O mércores 26 de outubro na quenda de mañá, a Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Paz Ares, guiará “Produtos de financiamento bancario para a túa idea de negocio”, unha formación sobre os produtos existentes para poder emprender con axuda das entidades financeiras.

O taller inclúe unha sesión na que se exporán as distintas opcións de financiamento, así como consellos para entender o seu funcionamento e aprender a saber cal é o produto idóneo en función das necesidades en cada momento.

Pola tarde a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde, impartirá unha formación para axudar a organizar mellor o tempo e conseguir máis produtividade, utilizando ferramentas online que axuden a automatizar os procesos de calendarización de citas no curso “Apps para axenciar citas no teu negocio”.

Finalmente o xoves 27 impartirase o taller “Programación con Arduino I. Teórico III”. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo o de iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, mediante talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido. Esta formación componse de 4 talleres, 3 deles teóricos online e un cuarto taller práctico presencial de 4 horas. O curso será impartido, de novo, por Manuel Freire.