
Vigo | O delegado Especial do Estado na Zona Franca, David Regades e a nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, mantiveron a súa primeira reunión oficial, na que puxeron as bases para non só manter a actual relación como socios en proxectos estratéxicos, senón para potenciala en ámbitos como o tecnolóxico, os novos sectores industriais e económicos, na trasferencia de coñecemento e no apoio ás iniciativas universitarias relacionadas coas enxeñarías, e apoio ao emprendemento e ao emprego.
Uvigo e Zona Franca manteñen actualmente unha sólida relación de traballo en proxectos tan importantes para a soberanía tecnolóxica e industrial de España e de Europa como a fábrica de semiconductores fotónicos SPARC, e no desenvolvemento de proxectos do sector aeroespacial no que ambos os dous organismos queren fortalecer aínda máis o ecosistema actual de empresas, convertido a día de hoxe no máis potente de Galicia e do Estado.
Por outra banda, o impulso á estreita colaboración que, de feito, xa veñen mantendo no proxecto da transformación urbana da ETEA foi outro dos compromisos alcanzados entre García Mateo e David Regades, compromiso marcado nunha base importante de tecnoloxía, economía e mar, vinculado ao proxecto de urbanización da PS1 e aparcamento na Praza de Armas, e pola cesión do Edificio Faraday á Universidade no que se promoverá a sede do Campus do Mar.
Regades e García Mateo tamén confirmaron o impulso do traballo conxunto nas áreas de traballo vinculadas á transferencia de coñecemento como é o caso da nova Cátedra de Computación Cuántica e o da Cátedra ARDAN, creada en 2018, na que o Servizo de Estudos da Zona Franca xunto ao equipo investigador da Universidade de Vigo, analiza cada ano a evolución de 44.726 empresas galegas publicando o prestixioso Informe ARDAN. Esta última análise concluiu que a importancia da Eurorrexión, a innovación e a internacionalización consolidan o crecemiento empresarial e son principais motores de competitividade.
Tamén destaca a igualdade, maís aló da equidade, como factor importante de competitividade e boa xestión. Por elo, de cara a 2027, Zona Franca e UVigo avanzarán no desenvolvemento dun novo programa de liderado feminino que botará a andar xa neste mes de setembro. Os avances son evidentes, pero o informe mostra que existe marxe para seguir transformando a organización de empresas en materia de igualdade.
David Regades sinalou que “sei que esta reunión de traballo coa Reitora é a primeira de moitas porque para a Zona Franca de Vigo a Universidade é un partner fundamental, sobre todo, naqueles proxectos relacionados coa innovación na que tanto a Uvigo como nós estamos volcados. Estou seguro, dixo o delegado, que poñeremos en marcha novas iniciativas de forma conxunta porque cremos radicalmente na ciencia e no coñecemento como folla de ruta para a transformación da nova economía e o desenvolvemento social”.
Pola súa banda, a reitora, Carmen García Mateo, tamén subliñou que “esta visita foi unha primeira toma de contacto para revisar as actuacións conxuntas e os diferentes temas de interese para ambas institucións”. García Mateo destacou, así mesmo, o “ambiente de cordialidade e plena colaboración” , amosándose optimista sobre a posibilidade de anunciar en breve “a posta en marcha de novas iniciativas”.




