A XVIII Feira Medieval de Monforte ten o orzamento máis alto da historia

Terá lugar o 16 e 17 de abril cun orzamento de 89.500€

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, o programa oficial da XVIII Feira Medieval de Monforte, que terá lugar o 16 e 17 de abril. “A Feira Medieval cumpre a súa maioría de idade e xa só quedan dúas para acadar as 20 edicións e que se recoñeza a súa condición de Feira de Interese Turístico de Galicia”.

Proba da implicación do equipo de goberno do Concello tivo na recuperación deste evento, logo de dous anos de ausencia no calendario de actos de Monforte, por mor da Covid-19, é que o orzamento destinado á mesma é o maior da historia, 89.500€.

“Dende que eu son alcalde”, informou José Tomé, “cada ano fomos incrementando o orzamento pasando de 41.127,17 euros no ano 2015, antes da nosa chegada ó goberno, ós 89.500 euros para o presente ano 2022. Con respecto á edición de 2019, o incremento foi de 21.235 euros”.

O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo.

Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar. E o campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos, que tamén serán instalados nesta praza, logo de que os restauráramos para facelos máis estables, coa instalación de rodas. Neste senso, cabe resaltar que a actuación de xigantes, bufóns e artesáns completarán a oferta de actividade na praza de España.

As 12 horas da mañá do sábado 16 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúda do alcalde para declarar aberta a XVIII Feira Medieval. Deseguido haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para o inicio oficial.

O alcalde resaltou tamén que “mantemos unha completa Programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, ubicando o Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos. Queremos que este campamento infantil sexa un atractivo máis para os nenos e as nenas, para que se sintan protagonistas da Feira Medieval implicándose co evento de cara ó futuro”.

Consolidouse a ubicación do espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Halconeros de Castilla” que este ano vaise volver a realizar no Campo de San Antonio, por ser unha zona cun espazo libre de cables que non dificultan o voo e que polo tanto non provocan estrés nas aves. Manteñense as Xustas Medievais, desenvoltas por “Hípica Celta”, que atraen sobre todo á xuventude enche de público o campo de terra dos Escolapios.

Este espectáculo que alcanza a súa 6ª edición, consolídase coma outro dos atractivos da Feira, e terá como actuación central, tanto o sábado coma o domingo ás 6 da tarde, un Gran Torneo Medieval, un espectáculo que incluirá variacións con respecto ós últimos anos, con rotura de lanzas, combates de espadas, nomeamento de vencedores e música ó vivo.

“Ó mesmo tempo, queremos que os espectáculos de lume sigan tendo un protagonismo importante na Feira Medieval, e correrán a cargo de diferentes agrupacións que sairán da praza de España percorrendo as principais rúas da feira, na tarde do sábado”, subliñou José Tomé.

Este ano volverá a ter protagonismo o espectáculo ideado para a praza Luis de Góngora na noite do sábado 16 de abril, un espectáculo de pura acción onde se combinan técnicas de manipulación de lume, música ó vivo, a acrobacia, a maxia e a pirotecnia fría, dando como resultado un mundo misterioso e apaixonante como é o dos trasnos e das meigas. Este espectáculo culminará cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado.

Novas actividades
Dado que é todo un éxito a actividade do sábado pola noite na que os visitantes suben ata San Vicente, este ano auméntase o número de fachos de 100 a 200, que serán repartidos no Campo da Virxe e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta de faroliños de papel como en anos anteriores. Neste senso, tamén se incrementará o número de faroliños pasando de 200 a 500 unidades.

Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa, en concreto, pasarán de 4 a 7 o número agrupacións musicais, o que permitirá facer 6 actuacións musicais por día, tanto para o sábado como para o domingo. E delas, dúas son agrupacións monfortinas: a Batucada de Creativa e os Xograres de Lemos, polo que dende o Concello séguese apostando polos grupos e empresas locais.

O Desfile do Gran Dragón percorrerá dende a Praza de España as principais rúas da Feira, tanto o sábado coma o domingo á noitiña, mellorando así á oferta dos resto de espectáculos xa previstos tanto na Praza de España como na praza Luís de Góngora, e que poden ver detallados no programa.

Por primeira vez celebrarase o domingo día 17 ás 21 na praza Campo de San Antonio o espectáculo “Fire Performance”, composto por música, acrobacias, bailaríns, percursionistas e manipuladores de lume, que realizarán diferentes cadros escénicos para pechar o domingo a Feira Medieval. Haberá Mostra-exposición avícola, formada por distintas especies de aves do entorno, a cargo de “Avicultores Artesanais da Ribeira Sacra”. Esta mostra terá lugar durante toda a xornada do domingo na praciña que da ás rúas Ricardo Quiroga, do Burato e Pescaderías.

José Tomé tamén resaltou a “ampliación da decoración da Feira Medieval colocando novos pendóns e escudos na Casa da Cultura e no antigo Concello, así como decorando, A Calexa, Armando Cotarelo, a subida dende a porta da Alcazaba ata o Parador, ou o gindastre que se atopa na Praza de España”. O alcalde recoñeceu a labor da Asociación de Artesáns de Monforte, unha colaboración importantes que ten o Concello para a celebración da Feira Medieval, xa que son os que se encargarán da montaxe do estrado na praza de España para os diferentes actos, así coma da elaboración dos elementos decorativos para rúas e prazas.

O rexedor municipal agradeceu a implicación do director do Parador, “que quixo ter unha maior presencia na Feira de tal xeito que recupera tanto a Comida como a Cea Medieval no Parador, para que calquera cidadán que así o desexe poida degustar elaboradas receitas medievais”.

Tomé dixo “creo que hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 16 e 17 de abril esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do Estado”.