A Xunta reivindica na Ribeira Sacra o papel dos oficios artesanais como atractivo turístico

Para achegarlle a artesanía á sociedade

Sober |  Manuel Heredia, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, visitou en Sober o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, onde animou a vincular os oficios artesanais a un novo xeito de facer turismo.

Heredia, que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos de pequeno formato para axudar ao sector artesán na súa adaptación aos novos hábitos de consumo e ás novas fórmulas de comercialización.

Na iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en colaboración co Concello de Sober, participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia e estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras desde as 11:00 ata as 21:00 horas.

“Na iniciativa (…) participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia”

Durante toda a xornada amosaronse pezas de olería de Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños); madeira; téxtil; xoguetes artesanais; xoiería; traxe tradicional; e coiro.

Os obradoiros participantes, moitos deles asentados na Ribeira Sacra e na súa reserva da biosfera, foron: Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños); Armaior e Enxógate (Quiroga); Artesanía do Caurel (Folgoso do Courel); Bangus (Ourense); Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober); En lá (Monforte de Lemos); Isabel e a arte (Vilalba); Lucecús (Guitiriz); Lumecú (Vilar de Santos); Macala (Santiago de Compostela); Moura (Maceda); Nobelo a nobelo (A Estrada); Olería do Batán (Baños de Molgas); e Senda Coiro (A Pobra de Brollón).

Ao longo de toda a xornada celebraronse tamén catro obradoiros gratuítos e abertos ao público para achegar os oficios artesanais á sociedade, especialmente aos máis pequenos, e contribuír así a visibilizar a marca Artesanía de Galicia. Así, os artesáns Susana González, de Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar) impartiron un taller de iniciación ao torno cerámico.

Pola súa parte, María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) realizou un obradoiro de creación de cianotipias e outro sobre a técnica de estampaxe xaponesa shitotaku.

A artesá Iria Ribadomar, do obradoiro Deica! (Santiago de Compostela), estivo á fronte dun de debuxo.