A Xunta mellorará sete polígonos e dous novos viveiros en Ourense

En Vilamarín, Celanova, Vilar de Santos, Cortegada, Cea, Pereiro de Aguiar, Carballiño e A Veiga

Ourense | A Xunta de Galicia anunciou un investimento de 565.000 euros en melloras e equipamento de sete polígonos empresariais desta provincia, así como na construción de dous novos viveiros industriais.

Así o anunciou o delegado territorial da Administración autonómica en Ourense, que transmitiu persoalmente ao presidente da Asociación do Polígono de San Cibrao a concesión de 40.000 euros para mellorar a rede troncal de videovixilancia do devandito polígono.

Na provincia ourensá saen beneficiados por este paquete económico de axudas da Xunta os parques empresariais de Vilamarín, Celanova, Vilar de Santos, Cortegada, San Cristovo de Cea e Pereiro de Aguiar, ademais do mencionado de San Cibrao. No caso das axudas a empresas e empresarios radicados nestes polígonos, serán dun máximo de 120.000 euros por proxecto, e poderán estenderse anticipos do 25% da axuda concedida.

Os viveiros de nova creación que anuncia a Xunta serán os do Carballiño e A Veiga, que se expoñen “co obxectivo de favorecer novas actividades de carácter industrial, o nacemento de novas empresas e axudar aos empresarios nas primeiras etapas de actividade”.  Segundo o delegado, Gabriel Alén, con estas dúas liñas de axudas de apoio, a Xunta aposta polo fortalecemento do tecido industrial da provincia mellorando a súa competitividade, así como a modernización das infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos