A Xunta mellora os viarios e aparcadoiros do hospital de Monforte

As obras supoñen un investimento de preto de 126.000 euros

Monforte de Lemos | A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar na mellora do firme dos viarios e áreas de aparcamento do hospital público de Monforte de Lemos, onde inviste 125.800 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha das obras, que consisten na realización de fresados e a reposición da capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente. A intervención inclúe a substitución do pavimento da área de Urxencias.

Arias apuntou que a finais desta semana está previsto rematar os traballos, que se completarán coa renovación da sinalización horizontal e o reforzo dos indicadores verticais.

As obras enmárcanse no proxecto de mellora do firme nos centros hospitalarios da área sanitaria, incluídos o Lucus Augusti (Hula) e o hospital de Calde, na cidade de Lugo, onde as melloras xa se executaron; así como o Hospital da Costa de Burela, onde previsiblemente comezarán as actuacións a vindeira semana. Arias destacou que o obxectivo desta medida é corrixir o deterioro dos pavimentos e incorporar novos servizos co fin de achegar aos usuarios unhas infraestruturas máis seguras e cómodas.

Outros artigos