A Xunta expedienta ao Concello de Ponteareas pola ampliación en 2006 da Escola Infantil

Durante o goberno de González Solla (PP)

Ponteareas | O goberno municipal anunciou a incoación dun expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia en relación co funcionamento de dúas aulas da Escola Infantil Municipal. A decisión da administración autonómica afecta a 29 prazas dun centro que conta con 111 e ten unha elevada demanda de matrícula.

Entre 2015 e 2018, coincidindo co cambio de goberno no Concello de Ponteareas, a Xunta realizou dúas inspeccións e o pasado mes de decembro abríu un expediente sancionador polas obras de ampliación para dúas aulas realizadas polo goberno do alcalde González Solla (Partido Popular) en 2006 e 2007. Esas obras, cun custo de 319.000 euros, executáronse infrinxindo as normas vixentes para este tipo de centros e as aulas abríronse sen autorización da Xunta. Agora a administración autonómica abre o expediente, cualifica a infracción como grave e propón unha sancion de 3.001 euros.

“Para a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera, o acontecido é moi grave. ‘Como consecuencia da nefasta xestión daquel goberno, malgastáronse 319.000 euros nunhas obras de ampliación que non cumprían coa normativa vixente”

Para a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera, o acontecido é moi grave. “Como consecuencia da nefasta xestión daquel goberno, malgastáronse 319.000 euros nunhas obras de ampliación que non cumprían coa normativa vixente naquel momento e que agora non se poderán utilizar por esa incompetencia”. Por outra banda, a concelleira considera “curioso e extrano que a Xunta realizara as inspeccións desa obra e aulas a partires de 2015, cando se producíu o cambio de goberno local”.

Verónica Carrera sinalou que o “goberno municipal investigará o acontecido e quen é o responsábel directo de que en 2006, con González Solla como Alcalde, se fixeran unhas obras na Escola Infantil infrinxindo a normativa e sen autorización. É necesario depurar responsabilidades por investir 320.000 euros nunhas obras que agora non se poden empregar”, engadíu a concelleira de Benestar Social.

Para poder axustar as obras á legalidade e lograr a autorizacion da Xunta para o uso das aulas, os informes emitidos polos servizos técnicos municipais sinalan que se deberían investir 350.000 euros e realizar unhas obras que obrigarían a pechar toda a Escola durante un curso. A concelleira de Benestar explicou que “polo momento se optará por manter o funcionamento do resto da Escola e estudar outras alternativas de futuro para atender a demanda existente”.

Carrera lamentou ademais a falta de apoio da Xunta á Escola Infantil Municipal: “dos 577.000 euros que nos custa este servizo, o Concello asume case o 90%, as familias o 6,5% e a Xunta tan só o 5,9%, é dicir, menos incluso cas familias. Ademais de contribuír con porcentaxes ridículas, agora deciden pechar parte da Escola”.