A Xunta e Consorcio de Turismo Ribeira Sacra impulsan accións de promoción

Asinaron convenio de colaboración por valor de 50.000€
Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, con Javier Arias no Pazo de Sober.

Sober | A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de asinar un convenio de colaboración co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra polo que destina 50.000 euros para financiar accións de promoción desenvolvidas este ano.

Javier Arias, delegado da xunta en Lugo, explicou que os fondos van destinados ás iniciativas do Xeodestino encamiñadas a consolidar a oferta vencellada á viticultura e á natureza, así como o turismo familiar.

A través deste acordo asúmense os custos de reedición de soportes impresos; campañas e accións estratéxicas en redes sociais, medios especializados e eventos; catálogos de produtos; ampliación do banco de imaxes e a produción dun vídeo promocional en formato Storytelling, ademais doutras accións de difusión e comercialización. Tamén está incluído o primeiro Festival de Patrimonio Os Peares.

A Axencia de Turismo de Galicia asume o 80% do orzamento que contempla o convenio e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra inviste 10.000 euros ata completar os 60.000 previstos.

O delegado sinalou que este acordo dálles continuidade aos convenios que o Goberno galego subscribe con regularidade cos xestores dos diferentes xeodestinos constituídos en Galicia “co fin de que cada zona consolide unha oferta especializada en torno ás súas singularidades e riquezas”.

Arias tamén salientou que a aposta da Xunta pola calidade e a sustentabilidade do modelo de turismo galego cobra especial importancia en territorios como a Ribeira Sacra, “que está a consolidarse como un auténtico referente en turismo de interior”. Nese sentido, lembrou que esta zona beneficiouse dun dos dous Plans de Sostibilidade aprobados polo Estado o ano pasado -xunto co de Santiago de Compostela-, cofinanciado polo Goberno galego con 850.000 euros.