A Xunta e A Gudiña queren acondicionar a estrada OU-533 á Rúa

Con fondos europeos do Plan de Recuperación

A Gudiña | A Xunta de Galicia e o Concello da Gudiña coinciden na oportunidade que supoñen os fondos europeos do Plan de Recuperación para levar a cabo o acondicionamento da estrada autonómica OU-533, entre A Gudiña e A Rúa. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da Gudiña, José María Lago, abordaron este proxecto estratéxico para as comunicacións da zona, nun encontro en San Caetano.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade comunicoulle ao alcalde que a Xunta xa ten solicitado ao Goberno de España fondos de reconstrución para o acondicionamento desta estrada autonómica, no marco do obxectivo estratéxico de mellora das infraestruturas e comunicacións no ámbito rural, para a mellora da accesibilidade.

Tanto Ethel Vázquez como José María Lago coincidiron en que a mellora da estrada autonómica contribuirá ao reequilibrio territorial dos municipios da zona, ante a posta en servizo da alta velocidade ferroviaria e a nova estación do AVE situada na Gudiña. O acondicionamento da OU-533 entre A Gudiña e A Rúa permitirá achegar á nova estación do AVE aos veciños de municipios como O Barco de Valdeorras, A Rúa, Petín, O Bolo ou Viana. Tamén suporá unha mellora das comunicacións por estrada destes concellos da zona oriental de Ourense con Madrid, a través da A-52, e tamén coa fronteira portuguesa.

A conselleira tamén lle trasladou ao alcalde a intención da Xunta de darlle continuidade á senda peonil que se está a executar na estrada OU-533 para facilitar o acceso á nova estación do AVE, cun investimento de máis de 48.000 euros. Trátase dunha senda de formigón que se está a executar pola maraxe esquerda da estrada autonómica, desde o punto quilométrico 0+070, no paso baixo o ferrocarril, ata as proximidades da localización da futura estación Porta de Galicia.

O itinerario conta cunha anchura de 2,50 metros desde o inicio e ata o punto onde abandona a marxe da estrada e pasa a discorrer máis afastada, aproveitando a antiga calzada, onde, ao dispoñerse de máis espazo, se ampliará ata os 3 metros. Actualmente xa está executado o movemento de terras e o muro e estase á espera de que as condicións meteorolóxicas o permitan para executar o formigonado e poder rematar a obra.

Este proxecto mellora a accesibilidade á nova estación, se ben cómpre que se resolva a súa continuidade por parte de ADIF nos terreos internos da terminal e no paso inferior, que provoca un estreitamento e unha redución de gálibo que debe ser solucionada. A Xunta xa lle trasladou esta cuestión a ADIF, sen ter obtido ata agora resposta positiva.

Outros artigos