A Xunta destinará 3 millóns € na descontaminación de lindano no Contrasto (O Porriño)

Tras xuntanza co alcalde porriñés Alejandro Lorenzo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde Alejandro Lorenzo para abordar este e outros asuntos de interese para O Porriño.

O Porriño | A Xunta de Galicia investirá 3 milóns de euros nos traballos de retirada e descontaminación dos residuos de lindano no viario principal do Contrasto, en Torneiros, unha obra que comezará este ano. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde Alejandro Lorenzo nunha reunión que mantiveron esta semana para abordar este e outros asuntos de interese para O Porriño.

A conselleira explicou ao rexedor que con cargo aos orzamentos da Xunta deste ano xa se está actualizando o proxecto para intervir na pista municipal do Contrasto polo que estima que, tan pronto como se complete este paso, poderá iniciarse a tramitación do contrato para executar as correspondentes obras.

“Sempre defendín que problema do lindano hai que abordalo con decisión, non chega con discursos baleiros nin promesas”, defendeu o rexedor, “Para iso é necesario un plan de acción, un esforzo investidor e un compromiso firme de respaldo e colaboración entre administracións, co que dende logo contamos”.

Lorenzo incidiu en que “neste proceso é esencial ir da man dos veciños e veciñas máis afectados” e valorar xunto a eles cada paso. “A descontaminación do municipio é unha responsabilidade que debemos asumir non só para coidar a saúde dos porriñeses e porriñesas de hoxe, senón para deixar un Porriño mellor para os de mañá”, concluíu o alcalde. “Pero as adminsitracións temos que informar e, sobre todo, escoitar á veciñanza durante este proceso. Trátase dun proxecto común de presente e de futuro”.