A Xunta de Galicia realiza traballos de limpeza, roza e documentación en San Xoán de Camba en Castro Caldelas

O antigo mosteiro foi unha importante abadía e Real Mosteiro dúplice, cunha comunidade de homes e outra de mulleres

Castro Caldelas | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao Concello de Castro Caldelas para achegarse, acompañado da alcaldesa, Sara Inés Vega Núñez, ao mosteiro de San Xoán de Camba, coincidindo co comezo dos traballos de roza, limpeza e documentación, aos que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración do Concello, destina máis de 15.000 euros.

O delegado territorial considerou necesario levar a cabo neste ano 2022 traballos de roza e limpeza, baixo control arqueolóxico, así como de rexistro documental e topográfico, coa finalidade de favorecer a súa conservación e documentación de cara a unha futura posta en valor deste recurso que supón un gran atractivo turístico e patrimonial.

Gabriel Alén explicou que os traballos que se está a desenvolver consisten na realización dun informe histórico sobre o antigo mosteiro de San Xoán de Camba, con revisión en arquivos e bibliotecas de documentación bibliográfica e documental. Tamén se acometerán -sinalou o delegado territorial- tarefas de roza, limpeza e retirada de vexetación, residuos e madeiras, baixo control arqueolóxico, do sitio histórico, tanto dos muros e interior da edificación principal do antigo mosteiro e das dependencias anexas coma da contorna inmediata no que se inscribe.

A superficie máxima do ámbito de actuación é duns 3.000 metros cadrados, subscrita á parcela propiedade da Diocese de Ourense. Así mesmo, levarase a cabo a corta daquelas árbores que inciden de maneira negativa no sitio histórico e a poda e/ou rareo daquelas árbores existentes no seu entorno.

Executarase unha montaxe dun peche perimetral na edificación principal do antigo mosteiro. O dito peche estará composto por postes de madeira tratada de 2 metros de alto e 10 centímetros de diámetro e dunha malla cinexética de 1,20/1,50 metros de alto.

Realizarase unha prospección arqueolóxica do sitio histórico e do seu entorno inmediato para identificar e determinar a súa configuración espacial e os seus elementos principais e farase un inventario das estruturas arquitectónicas existentes e dos elementos histórico-artísticos máis significativos (inscricións, elementos escultóricos…).

Tamén se levará a cabo un levantamento topográfico, mediante fotogrametría 3D e/ou escáner láser de alta precisión, do sitio histórico para a súa documentación espacial, con vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) con tomas xerais do sitio histórico e de detalle dos seus elementos máis significativos (igrexa, dependencias monásticas…).

Por último, desenvolveranse tarefas de divulgación entre a comunidade local dos traballos que levados a cabo e sobre os valores propios do lugar a través da realización dunha visita guiada, unha vez rematada a actuación, e realizarase unha memoria técnica da intervención no que se recollan os traballos realizados e os seus resultados, a presentar ao remate dos traballos de campo.

O mosteiro de San Xoán de Camba
O antigo mosteiro de San Xoán de Camba foi durante moito tempo unha importante abadía e Real Mosteiro dúplice, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación datase no século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense. Desta primitiva construción so se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrómanico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

A igrexa actual, dos séculos XVI-XVIII e que funciona hoxe en día como templo parroquial, atesoura algunhas pezas artísticas de gran valor. A súa gran torre data de 1779, aínda que tamén conta cunha sancristía subterránea sen dúbida máis antiga. Aquí apareceron varios sepulcros antropoides e moedas do século IV de Constantino o Grande no seu interior, o que reflicte os séculos de historia deste lugar.

Ao sur da igrexa, consérvanse parte das dependencias do antigo mosteiro, hoxe en ruínas. Este conxunto patrimonial ten a condición de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia en virtude do artigo 30 da Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia. Aparece recollido no catálogo de bens culturais do Plan Básico Autonómico de Galicia, aprobado polo Decreto 83/2018, de 26 de xullo (DOG núm. 162, do 27.08.2018) coa clave 31250 e tamén aparece recollido no PXOM do Concello de Castro Caldelas.