A Xunta de Galicia quere ampliar a senda accesible de Riocaldo no Gêres-Xurés

O Concello de Lobios pretende darlle continuidade ao trazado de 1.250 metros

Lobios | A Xunta de Galicia analizará a viabilidade da proposta do Concello de Lobios para executar unha ampliación da senda accesible de Riocaldo, a primeira da Reserva de Biosfera Gêres-Xurés que conta cun percorrido adaptado para persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, mantiveron unha reunión de traballo en Santiago para abordar este e outros asuntos de interese municipal relacionados coas competencias do seu departamento.

En concreto, a rexedora explicou que unha vez habilitada a actual senda para o seu uso e desfrute, a intención do goberno municipal é darlle continuidade completando o seu trazado (un total de 1.250 metros que discorren pola marxe dereita do río Caldo, en Lobios, entre as termas e unha área de recreo e descanso) coa adaptación dun novo tramo de lonxitude similar. Neste sentido, a conselleira trasladoulle á alcaldesa que se estudarán posibles vías de financiamento para unha futura ampliación.

A Xunta se encargou o ano pasado de executar os labores de acondicionamento e sinalización do sendeiro accesible de Riocaldo, no concello de Lobios. A intervención de adaptación do itinerario, que tivo en conta varias guías sobre deseño de accesibilidade en vías verdes e parques naturais, quedou completada tras un investimento de máis 116.800 euros, cofinanciado con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-Next Generation UE.

Os traballos realizados consistiron na adecuación dos pavimentos, a adaptación das pasarelas, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación tanto de zócalos e guías como de varandas nas ramplas existentes para facilitar o seu uso por persoas con diversidade funcional. O proxecto completouse coa instalación de mesas, bancos e apoios adaptados ao longo dos 1.250 metros do tramo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.