A Xunta de Galicia mellora a escola infantil pública do Covelo

Con investimentos por valor de 23.000€

O Covelo | O alcalde Pablo Castillo visitou a escola infantil acompañado do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para supervisar as obras de mellora realizadas neste centro pertencente á rede pública autonómica e que tiveron un custo de 23.000 euros.

Investir na mellora dos servizos públicos é un dos obxectivos do goberno de Pablo Castillo que concorda con Perfecto Rodríguez en salientar “a importancia que ten a colaboración dos Concellos para poñer á disposición das familias as mellores instalacións para o coidado e atención dos seus fillos/as”, así o manifestaron durante a súa visita.

Para non afectar ás actividades na escola as obras realizáronse ao longo do mes de verán, aproveitando que estaba pechada. Estas consistiron, fundamentalmente, na colocación de chan novo nas aulas e noutras salas do inmoble co fin de mellorar as condicións de illamento; en tarefas de pintado e de eliminación de pequenas humidades en paredes; na renovación das portas de aluminio interiores e na mellora da sinalización e dos elementos de emerxencia.

A necesidade destes traballos foi previamente acordada coa comunidade educativa e contaron coa supervisión dos/das técnicos do Consorcio e do Concello, que foi o encargado de executalos. Pola súa parte, o ente autonómico financia o 100% das melloras realizadas mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público.

Gratuidade
Neste momentos, a escola infantil de Covelo conta con máis dunha vintena de nenos de 0 a 3 anos matriculados e cuxas familias non teñen que pagar nada pola atención educativa que reciben.

Este curso escolar é o primeiro no que se aplica esta gratuidade en todos os centros de Galicia, con independencia da súa titularidade, e para o 100% do seu alumnado; o que supón un aforro de ata 2000 euros por fillo e curso para os fogares galegos.

Visita ao serradoiro dos Carranos
A concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar nunha nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 6 de novembro e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos) para o ano 2022.

Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.

A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano”

“Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos