
Ourense | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación do V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia, que se celebrará os días 19 e 20 de outubro no Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, e que reunirá a medio centenar de profesionais da cociña das catro provincias galegas. O certame, impulsado pola Deputación de Ourense en colaboración con Turismo de Galicia, permitirá poñer o foco un ano máis na gastronomía galega como recurso turístico e na súa capacidade para dar a coñecer a identidade das diferentes provincias de Galicia.
Xosé Merelles destacou o papel do produto galego como elemento dinamizador da actividade turística e que “a gastronomía é hoxe un dos grandes elementos esenciais da nosa proposta turística e unha vía para atraer visitantes interesados en descubrir a identidade do territorio a través dos produtos procedentes da terra e do mar”.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a celebración dun evento que permite achegar esta oferta a través dunha experiencia que combina creación gastronómica e territorio. “Este tipo de iniciativas permiten mostrar a capacidade da cociña galega para combinar tradición e innovación e, ao mesmo tempo, contribúen a que os visitantes descubran os produtos, a cultura e os recursos turísticos dos territorios nos que se desenvolven”, explicou.
Tamén salientou a capacidade da gastronomía para complementar outros atractivos da oferta turística, como o patrimonio, a paisaxe ou a natureza. “Iniciativas como este campionato contribúen a poñer en valor o talento da nosa cociña e os produtos de proximidade, pero tamén os territorios que lles dan orixe”, subliñou.
Un escenario ligado á identidade da Ribeira Sacra
A quinta edición do Campionato terá como escenario o Mosteiro de San Pedro de Rocas, na Ribeira Sacra ourensá, unha contorna marcada polo patrimonio monástico, os canóns dos ríos Miño e Sil, os viñedos en ladeira e a tradición vitivinícola.
A elección deste espazo permite vincular a competición coa identidade dun territorio no que a gastronomía forma parte dunha oferta turística máis ampla, na que tamén destacan o patrimonio e a paisaxe. A proposta reunirá medio centenar de profesionais das catro provincias galegas. Cada participante deberá elaborar e presentar a súa creación en directo ante o xurado nun tempo máximo de quince minutos. O xurado valorará especialmente o sabor das elaboracións, ademais doutros aspectos como a técnica, a presentación, a orixinalidade e o emprego de produtos de proximidade.
A celebración desta cita na Ribeira Sacra ourensá contribúe así á promoción dun turismo vinculado á gastronomía e permite presentar nun mesmo espazo o talento dos profesionais galegos, a riqueza dos produtos locais e os valores turísticos da contorna. As inscricións para participar no certame son gratuítas e poden realizarse a través da web oficial da Academia de la Tapa y del Pintxo de España.




