A Xunta de Galicia entrega unha vivenda pública no Concello da Peroxa

Os interesados en acceder a este recurso deben inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia

Ourense | Manuel Pardo, delegado da Xunta, acompañado do alcalde, Manuel Seoane, fixo a entrega esta mañá das chaves á nova inquilina dunha vivenda en réxime de alugueiro na rúa Urbanización Villermá, no Concello da Peroxa. A vivenda conta cunha superficie de 90 metros cadrados e dispón tres dormitorios ademais de garaxe e rocho.

Durante a visita, Manuel Pardo salientou que a persoa beneficiaria, que xa se pode instalar na vivenda, pagará unha renda mensual en función dos ingresos; e enmarcou esta actuación dentro das diferentes liñas de axudas que a Xunta impulsa para facilitar o acceso da cidadanía galega á vivenda.

O representante autonómico apuntou que cando un domicilio queda vacante, axilízanse os trámites para poñelo á disposición dun novo usuario. Neste senso, sinalou que todas as persoas interesadas en optar a este recurso deben inscribirse no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite que ten o prazo aberto durante todo o ano.

Para concluír, o delegado da Xunta lembrou que o Goberno galego ten abertas dúas convocatorias de axudas para facilitar o acceso á vivenda. Así, o 16 de novembro remata o prazo para solicitar apoios para a compra ou autopromoción de vivendas por parte de persoas menores de 36 anos en concellos de ata 10.000 habitantes e o 30 de novembro o do Bono de Alugueiro Social.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.