A Xunta de Galicia destaca “o gran labor” do Colexio Rural A Picaraña (Ponteareas)

Visita da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández

Ponteareas | A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Colexio Rural Agrupado CRA A Picaraña de Ponteareas, con motivo da presentación das instalacións da súa biblioteca escolar, onde destacou “o gran labor” que exerce este centro “a prol da calidade, a excelencia e a innovación, grazas á participación activa do conxunto da comunidade educativa”.

O Colexio Rural Agrupado A Picaraña está constituído na actualidade por seis aulas de Educación Infantil, e máis unha sede central repartidas por unha ampla zona rural do concello pontevedrés de Ponteareas.

Desde o curso 2019-20 o centro forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, ao abeiro do cal recibe partidas específicas que, neste caso, empregaron para acondicionar o espazo da escola de Ganade, ata o de agora sen uso, como sede da nova biblioteca que dará servizo a todas as aulas do colexio.

Así pois, o colexio conta agora cun espazo común, dotado dunha ampla colección de libros e outros recursos e aberta ao conxunto do alumnado.