A Xunta de Galicia acomete a limpeza da Muralla de Lugo

Destina máis de seiscentos mil euros

Lugo | A Xunta de Galicia está a realizar labores de limpeza da Muralla de Lugo no marco do contrato de mantemento bianual, ao que destina 615.900 euros. Os traballos deron comezo a principios de setembro, unha vez que os informes de control de fauna constataron a marcha dos cirrios do monumento.

A planificación da limpeza da Muralla ao longo do ano respecta os períodos de nidificación e cría desta colonia de paxaros que forma parte da diversidade e a riqueza ambiental de Lugo.

As tarefas consisten no corte e retirada da vexetación con métodos manuais. Nas primeiras semanas limpouse o adarve, que xa está rematado, e avanzouse especialmente nos paramentos exteriores, se ben tamén están iniciados os traballos polo interior. En global, están executadas nun 50% aproximadamente e estímase que finalizarán na primeira quincena de novembro.

O contrato de mantemento inclúe outras actuacións cotiás no monumento, como reparacións de solados, varandas, revocaduras e albardillas, ou na instalación eléctrica e a iluminación, entre outros elementos.