A Xunta apoia en Chantada (Lugo) os programas para atender a persoas con alzhéimer

En colaboración con Afa Chantada

Chantada | A Consellería de Sanidade colabora coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Chantada (Afa Chantada) para desenvolver programas de atención sociosanitaria dirixidos a persoas que sofren esta doenza.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a sede da entidade para coñecer as actividades de rehabilitación cognitiva que organiza o colectivo grazas a unha achega concedida na anterior convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo este tipo de iniciativas.

Arias salientou o importante labor das asociacións neste eido, “xa que promoven actuacións que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas enfermas de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas e ofrecen apoio aos seus familiares”. Na provincia de Lugo, no ano 2021 a Consellería de Sanidade tamén colaborou cun programa das mesmas características impulsados pola AFA Viveiro.

A convocatoria deste ano incrementou o seu orzamento nun 40% ata alcanzar os 250.000 euros, co que a Xunta quere chegar a máis asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven programas de apoio psicolóxico, estimulación cognitiva, integración sensorial, rehabilitación de fisioterapia para pacientes con TEA e tratamentos para persoas con trastornos de conduta alimentaria, enfermidades raras, alzhéimer, ELA, enfermidades neurodexenerativas e parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.