A V edición da SELIC lánzase a camiñar a Compostela literaria

Do 10 ao 19 de setembro

Santiago de Compostela | A actividade da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2021, o festival da lectura que se celebra do 10 ao 19 de setembro, estende os seus fíos a través do Santiago das letras ata chegar á maioría dos xéneros literarios. Deixando a un lado as presentacións ao uso, este segundo ano de pandemia a Selic persegue o debate e a conversa sobre lecturas.

Máis de medio cento de títulos protagonizan o festival nesta quinta edición que se vai desenvolver ao aire libre entre a rúa do Vilar e a praza de Praterías, empregando tamén os espazos do edificio de Afundación na mesma rúa da zona vella.

A Selic volve este setembro, un mes fundamental para o sector do libro, para propoñer lecturas, para artellar encontros sobre libros e as persoas que están(mos) arredor deles. Todo muda e a lectura e as súas comunicacións, tamén.

“A Selic volve este setembro, un mes fundamental para o sector do libro, para propoñer lecturas, para artellar encontros sobre libros e as persoas”

O que si permanece, a pesar dos cambios de soportes, da velocidade da vida, das redes sociais e dos audiolibros, é que ler segue sendo o principal comportamento cultural da humanidade.

Narrativa, poesía, ensaio, tradución, cinema, teatro, ilustración, contacontos, música e xornalismo. Todas levan á lectura. Ao feito último (ou primeiro) de ler. E todas están na Semana do libro de Compostela, que sairá do seu espazo na rúa do Vilar para percorrer a cidade a partir duns roteiros especiais organizados conxuntamente coa Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG) e coa cooperativa Maos Innovación Social.

O primeiro domingo da Selic, o día 12 ás 12.00 horas, a escritora Berta Dávila tomará como punto de partida a Biblioteca Ánxel Casal para despois percorrer os lugares que compoñen o mapa de localizacións das novelas Illa Decepción e Carrusel, coa que obtivo o Premio da Crítica 2019. Con ela Compostela vai máis alá da ficción, é tamén o lugar desde onde se escribe.

De volta ao Santiago do século XVII –antes da grande explosión do Barroco– levará aos asistentes o escritor Marcos Calveiro que, empregando com fío a súa novela Festina lente, falará de como era a vida na cidade amurallada dos canteiros, libreiros e impresores.Será o luns 13, ás 17.00 horas, desde o Arco de Mazarelos.

A escritora Andrea Barreira guiará, o martes 14 ás 17.00 horas desde a estatua das Marías na Alameda, o percorrido As pedras non esquecen sobre as mulleres que foron acusadas de bruxaría, tomando como fío, entre outros libros, a súa novela Palabra de bruxa.

O mércores 15 ás 17.00 horas, María Abelleira e Óscar Senra dirixirán o paseo da Compostela no cinema, que ofrece unha visión panorámica tanto dos lugares de proxección como das rodaxes coa cidade como protagonista.

A figura de Emilia Pardo Bazán é unha das pezas clave da programación desta quinta edición da Selic e, antes da conversa do xoves 16 ás 19.00 horas entre María Canosa, María Pilar García-Negro e Marilar Aleixandre, haberá un paseo pola vida da escritora no centenario do seu falecemento ás 17.00 horas.

Os guías serán María Abelleira e Óscar Senra, que percorrerán xunto ás asistentes lugares relacionados tanto coa autora como coa súa obra.

O último día do festival, o domingo 19 ás 12.00 horas, o escritor Carlos Labraña recuperará o mítico paseo das irmás Maruxa e Coralia e todo o que hai detrás das Marías que hoxe son parte da Alameda compostelá.

Para estes roteiros haberá prazas limitadas e será a única actividade da Selic na que é preciso inscribirse previamente no enderezo electrónico paseos.compostela@maos.gal, o rexistro estará dispoñible até o día previo a cada paseo (indicando: roteiro, prazas solicitadas, nome e teléfono de contacto).

As librarías e editoras de Compostela estarán representadas nas dez casetas que conformarán o espazo da Selic na rúa do Vilar, que se converterá na milla da lectura de Santiago do 10 ao 19 de setembro.

Central Folque, Alvarellos editora, Árbore Azul, Bunker Books, Carlos Meixide, Consorcio de Santiago, Cuarto de inverno, Fundación Anselmo Lorenzo, Irmás Cartoné, Libraría Lila de Lilith, Libraría Numax, Libraría Pedreira, Patas de peixe, USC. Servizo de Publicacións e Librería Aenea pasarán polo festival.

Na fin de semana o horario do festival na rúa do Vilar irá das 11.30 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 21.00 horas. Durante a semana as actividades centraranse na tarde, de 16.30 a 21.00 horas.